Outro petróglifo atopado en Forcarei
Integrantes do colectivo Capitán Gosende atoparon o pasado 25 de xuño un novo petróglifo na parroquia de Parada ( Cerdedo), co que suman xa 26 estacións descubertas en toda a comarca.
“Cara á tardiña, devotos dos camiños, vereas e devasas que nos conducen ao descoñecido, atinximos unha chaela situada por riba dos 600 m de altitude. O planalto, repoboado hai pouco con piñeiros e pertencente á parroquia forcareicense de Castrelo, presenta afloramentos xistosos en forma de crista, característicos do metaformismo do Cerdedo oriental e da litoloxía forcareicense”, suliña o colectivo nun comunicado.
Nun aliñamento rochoso orientado cara ao sueste, atoparon vinte e cinco coviñas, as máis delas en clara orientación leste-oeste. Dada a súa dirección e a altura do sol no horizonte solsticial, o conxunto resaltaba ostensibelmente do lenzo pétreo, xa que cada unha das pequenas concavidades se ateigaba dunha dose de sombra.
O gravado rupestre (coordenadas: X: 551586; Y: 4712355; altitude: 631 m) localízase a 150m cara ao norte da estrema coa parroquia de Parada (Cerdedo) e a uns 300 m cara ao sudoeste do lugar do Vieiro (Castrelo-Forcarei). Por iso, o novo achado foi bautizado co nome de “petróglifo do Vieiro”.