fbpx
A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) recupera dous corpos de asasinados polo franquismo na Pobra do Brollón (Lugo) / ARMH

Aparecen os corpos de dous asasinados polo franquismo na Pobra do Brollón

Tempo de lectura: 2 min.

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) acaba de poñer unha denuncia pola pola aparición de restos humanos na Pobra do Brollón (Lugo) para que a xustiza investigue o crime, segundo dita a lei de Enxuizamento Criminal española e a Convención contra a Desaparición Forzada da ONU.

A ARMH atopou este xoves a fosa común cos restos de dúas persoas asasinadas pola represión da ditadura franquista na parroquia de Castroncelos, neste concello. Ademais, exhumará os seus corpos para entregarllos ás súas familias identificados.

Segundo informa esta asociación nun comunicado, a investigación apunta a que os asasinados son José Rodríguez Silvosa e Ramón Somoza Álvarez.

José Rodríguez Silvosa era natural de Lugo, onde nacera, supostamente, en 1907. Era fillo de José Rodríguez e Estrela Silvosa, viúvo de Julia Expósito e tiña tres fillos, chamados José, Ermidas e Enriqueta. A súa profesión era a de xastre, e levaba residindo en Monforte desde 1936, poucos meses antes do estalido do golpe de estado.

Tras “participar na resistencia ao golpe de estado en Monforte de Lemos, e desde o fracaso desta e a toma das forzas militares e falanxistas do control, vese obrigado a fuxir ás montañas, xa que se lle acusa de maneira directa da morte, durante os tiroteos producidos o día 22 de xullo, do falanxista José Expósito”. Permanecerá como fuxido até o 10 de xullo de 1938, cando é localizado e detido, aínda que se ignora as circunstancias concretas desta detención.

Militanes antifranquistas

Pola súa banda, Ramón Somoza Álvarez era natural de Ponche Canedo (Santiago dás Caldas, Ourense), onde nacera en 1899. Era fillo de Rodrigo e Eudosia, de estado civil solteiro e de profesión, gandeiro. Pertencía ao Partido Socialista de Monforte, do cal foi concelleiro durante a II República.

Ramón Somoza Álvarez foi condenado a seis anos de prisión uns meses antes da revolución de outubro de 1934, implicado nun depósito de dinamita xunto con varios membros máis do PSOE, aínda que con posterioridade foi amnistiado, segundo o relato da ARMH.

“Do mesmo xeito que José, Ramón participou na resistencia que existiu en Monforte contra os militares sublevados contra o goberno republicano, pero finalmente escapa ao monte a finais de xullo de 1936”. Permanecerá nesta condición até o 11 de xullo de 1938, en que foi detido.

Pode que che interese...