Que se sabe das incursións militares de Xullo César en Galicia?
Estamos no 60 antes de Cristo. As costas galegas coñecen xa as incursións dun dos máis importantes militares romanos, Xullo César. Os días 24 e 25 de agosto dese ano, o militar, dirixiuse con dúas galeras e barcos pesqueiros requisados en Erizana –Baiona-– dirixiuse ás illas Sicas –como se coñecían entón ás Cíes– e derrotou aos herminios que alí se refuxiaban.
“O exército de Xullo César matounos a todos, uns 5.000, e puxo rumbo a Brigantium, na Coruña”, sinala o escritor Julio Villarino que defende nun novo libro, “Julio César en Galicia. De Bellum Herminii”. O autor di que realizou a súa propia e hipotética recreación dos feitos históricos en base aos textos contrastados e á colaboración de expertos en estratexia militar romana como o historiador lucense Juan Villar, os investigadores Manuel Gago e Javier Torres e o tamén historiador e militar Francisco da Torre.

Julio Villarino na presentación dun libro / baionatv.webs.com
Sen embargo, o profesor e divulgador Manuel Gago xa dixo nas súas redes sociais que, polo menos, el non é ese Gago que cita Villarino. E é que, ata o de agora, pouco se sabe desa incursión de Julio César na antiga Gallaecia, agás que puido ter sometido algunhas vilas costeiras e establecido relacións comerciais. Por iso, esta teoría non foi ben acollida entre os profesionais e amantes da historia galega.
Segundo Villarino, César tería fracasado nunha primeira incursión bélica contra os herminios. “ César montara esta batalla con présa. Era setembro e estaba a piques de terminar a tempada de guerras para os romanos, o verán, polo que colleu o primeiro que se lle puxo diante”, explica Villarino en Faro de Vigo. Así, suliña que a derrota devolveu ao militar a Cádiz, pero deixou un campamento establecido en Baiona con intención de regresar ao ano seguinte. “Instalou un retén de soldados en Erizana e volveu no ano 60 antes de Cristo con dúas galeras para asediar as Cíes de novo”, suliña.