Presentan un libro sobre a Historia da Informática en Galicia
Primeiro foron as tabuladoras, e antes delas calculadoras electromecánicas e mecánicas, máquinas contables, máquinas de calcular, regras de cálculo, aritmómetros, libros de logaritmos e de contas axustadas, ábacos…Toda esta experiencia rematou nos primeiros computadores.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) presenta este martes, día 5 de xullo, un ambicioso traballo que leva por título “Historia da Informática en Galicia. Unha cronoloxía”. O volume nace baixo a coordinación de Javier García Tobío, directorxerente do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e membro da Xunta de Goberno do CPEIG, e polo presidente deste colexio, Fernando Suárez Lorenzo. Henrique Neira foi o responsable da edición dos textos.
“Historia da Informática en Galicia. Unha cronoloxía”, é un primeiro achegamento á historia desta disciplina, que o CPEIG agarda ampliar no futuro. É o primeiro produto dun proxecto máis amplo para recuperala e difundila.
Trátase dunha cronoloxía que, ao longo de máis de duascentas páxinas, busca mostrar que existe en Galicia desde hai séculos unha tradición de coñecementos de cálculos matemáticos e astronómicos; sistemas de numeración, de medida e de comunicación; construción, comercio e uso de aparellos de precisión como reloxos, autómatas e máquinas de calcular; estudo e produción de bibliografía científica; ensinanza e moitas profesións relacionadas.
Debulla época a época
O prólogo do libro correu a cargo de Miguel Ángel Ríos, presidente da Real Academia Galega das Ciencias, quen explica no limiar: “Tras un notable e meritorio esforzo de recompilación de información, procedente de moi diversas fontes, esta organízase cronoloxicamente na dobre perspectiva mencionada e vaise debullando, época a época, ano a ano, atendendo aos fitos máis importantes, desde 42000 a.C.”.
Pola súa banda, o presidente do CPEIG escribe: “Recoller toda esta evolución no presente libro é para o CPEIG, máis que un desafío, case unha obriga. Ademais da enorme cantidade de información existente en hemerotecas, temos a inmensa fortuna de poder contar co testemuño de moitos dos protagonistas desta revolución na nosa comunidade”. Mediante o libro, o CPEIG recolle e pon en coñecemento da sociedade casos de éxito nos que Galicia é todo un referente. “Saber de onde vimos e valorar con satisfacción o noso protagonismo pasado, é fundamental para poder tomar decisións que nos permitan ser líderes na construción da Sociedade do Coñecemento”, sinala Suárez Lorenzo”.
Primeiros computadores
Os primeiros computadores utilizados na comunidade datan da década dos sesenta do século XX: o primeiro foi seguramente o computador analóxico EAI TR-20 que debeu comezar a utilizarse na Universidade de Santiago de Compostela no curso 1962-1963; nos anos seguintes varias empresas e institucións instalaron os seus propios computadores e en 1969 a propia Universidade incorporou un IBM 1130 dixital.
O crecemento do sector da informática foi acompañado da formación dun gran número de profesionais: dos seus arquivos persoais recupéranse datos e imaxes que serviron para compoñer o libro que o CPEIG presentará o martes.
O CPEIG quere agradecerlles ás seguintes empresas e institucións a súa contribución como patrocinadores para que o libro –do que se editaron mil exemplares- sexa unha realidade: Altia, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Bahía Software, Cluster TIC de Galicia, Emetel, Epson, Everis, HPE-Intel, Indra,Oracle, Plexus, R, Telefónica, Vodafone e Xunta de Galicia.