fbpx
Mosteiro de San Paio de Abeleda, en Castro Caldelas / plataformaaquitectura.cl

San Paio de Abeleda, o mosteiro vítima da especulación

Tempo de lectura: 2 min.

San Paio de Abeleda é unha xoia do románico que leva décadas abandonada. Unha empresa colleu a concesión hai case dez anos co obxectivo de rehabilitalo e convertelo en hotel. Eran os tempos do boom inmobiliario, pero a crise estoupou e, con ela levou, tamén, a este cenobio, cuxa deterioración é cada vez maior e ameaza co seu derrube.

O mosteiro foi construído no século XII na parroquia de San Paio de Abeleda, no concello de Castro Caldelas. Por iso, os seus veciños piden xa o arranxo urxente deste monumento. Entre eles está Victoria, que fai de guía para os turistas que queren ver este ou outros mosteiros en plena Ribeira Sacra.

Os veciños afirman que cada ano que pasa o estado do mosteiro vai a peor. Alertan de que se non hai unha intervención de forma urxente xa non quedará nada para recuperar.

Detalles dalgunhas columnas do Mosteiro de San Paio de Abeleda, en Castro Caldelas / O Sorriso de Daniel

Detalles dalgunhas columnas do Mosteiro de San Paio de Abeleda, en Castro Caldelas / O Sorriso de Daniel

Estado ruinoso

Na actualidade atópase en estado ruinoso. Foi un dos centros monásticos máis influentes da provincia, e coa reforma monástica pasou a converterse en abadía ata que a finais do século XIX, trala desamortización, os Duques de Alba apoderáronse dos bens do mosteiro.

No ano 2005, foi vítima do espolio de varios retablos barrocos e neoclásicos, e algunha columna do antigo claustro conventual. O bispado sacouno a concesión vai xa para dez anos e foi adxudicado a unha empresa que pretende por en marcha un proxecto hoteleiro. Ten a concesión por 25 anos.

O seu valor patrimonial e a historia que gardan as súas paredes esmoreceu invadida pola maleza ata que a asociación o Sorriso de Daniel, que traballa na recuperación do románico, decidiu limpalo e polo en valor. A pesar do seu estado son moitos os turistas que veñen anualmente ata este enclave único. Aquí hai un vídeo da TVG sobre o estado actual do ben.

Pode que che interese...