Teatro, cociña prehistórica ou telearqueoloxía no parque de Campolameiro
O Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro (PAAR) deseñou para este verán un amplo e diverso programa de actividades culturais, gastronómicas, escénicas e musicais opara ofrecer aos visitantes diferentes experiencias arredor da Arte Rupestre, entre elas noitepedras, teatro, cociña prehistórica ou telearqueoloxía.
O punto de partida será, como o pasado ano, o singular formato de visitas nocturna ós petróglifos, acompañada dunha cea e un concerto de música en directo, coñecido pola denominación de Noitepedras.
Con todo, este ano incorporase á axenda cultural as visitas teatralizadas da man de Os Quinquilláns, así como unha curiosa actividade gastronómica, posiblemente encadrada dentro da moda dos “showcookings”, pero nesta ocasión referido a técnicas e sabores do pasado que leva o título de cociña prehistórica. Tamén haberá telearqueoloxía, un obradoiro audiovisual para aqueles que desexen elaborar documentais vinculados coa Arqueoloxía e a Arte Rupestre.
Ademais o PAAR ofrece nesta época rutas guiadas con novas temáticas e espazos, a posibilidade de visitar o Parque acompañado do teu can (proxecto en colaboración con Perriturismo) e diferentes obradoiros arqueolóxicos (lume, caza, cerámica, etcétera) para achegarse dun xeito dinámico e divertido á Idade do Bronce.