fbpx
Membros do Seminario de Estudos Galegos

Cando os pais do galeguismo descubriron o Monte Pindo

Tempo de lectura: 2 min.

Membros do Seminario de Estudos Galegos realizaron unha visita ao Monte Pindo en 1936, pouco antes do inicio da Guerra Civil. Unha visita da que se tiña constancia grazas á publicación do enigmático poema en alemán escrito conxuntamente por Otero Pedrayo e Vicente Risco, que integraban aquela comitiva de exploradores.

Aquela visita quedou narrada nun documento divulgado recentemente por Grial, Revista Galega de Cultura, nº 207, quen se fixo eco á súa vez da publicación en xullo de 1936 dunha crónica no diario vigués El Pueblo Gallego enviada desde a Costa da Morte por un mozo de 21 anos chamado Xaime Illa Couto. O artigo de 6 páxinas, titulado «O Seminario de Estudos Galegos en Fisterra», narraba extensa e precisamente a visita do grupo de intelectuais á Costa da Morte no verán do 36, durante a que os sorprendería o fatídico golpe de estado que sumiría a Galiza e a España nunha dictadura de corte fascista durante catro décadas.

Monte Pindo desde o miradoiro do Ézaro / turismodegalicia.gal

Monte Pindo desde o miradoiro do Ézaro / turismodegalicia.gal

Nese artigo descríbese a exploración do Olimpo Celta por varias das seccións que compoñían o Seminario de Estudos Galegos nunha época en que os seus aproveitamentos mineiros e gandeiros estaban a pleno rendemento, parte dos seus castelos aínda en pe, e cando aínda o franquismo non modificara para sempre o seu aspecto. Decretos que primeiro erradicaron toda a fauna autóctona que puidera supoñer unha ameaza para o gando, e logo tamén o propio gando que puidera supoñer unha ameaza para as repoboacións masivas con piñeiro de Monterrei, levando á extinción dunha especie de cabra propia do Monte Pindo. Segundo o xornalista de Pueblo Gallego, as calidades do espazo natural carnotán subscitou un «gran interese» para eles e de feito «o Monte Pindo xustificaría hoxe por si propio unha campaña de investigacións».

Na comitiva, ademais dos xa citados Xaime Illa, Vicente Risco e Otero Pedrayo, participaron tamén persoeiros coma o xeólogo Isidro Parga Pondal, o sacerdote e arqueólogo Xesús Carro García, o historiador, arqueólogo e antropólogo Xosé Filgueira Valverde (homenaxeado o Día das Letras Galegas 2015), o científicoLuís Iglesias… entre outros. As súas investigacións víronse truncadas por un inoportuno temporal cando exploraban Penafiel. Ante a frustrada exploración, ao seu retorno, foron homenaxeados por un concerto da Coral de Cee no colexio Fernando Blanco.

Así queda recollido no artigo: “mientras que los miembros de la sección de Psicotecnia trabajaban en las escuelas de Ameixenda y Brens, los miembros de las demás secciones escalaron el Monte Pindo. Los resultados de esta difícil exploración no fueron tan completos como sería de esperar porque el temporal del miércoles sorprendió a los miembros del Seminario en los picos de Penafiel y les obligó a suspender sus trabajos. Sin embargo, la exploración ha tenido un gran interés y el monte Pindo justificaría hoy por sí solo una campaña de investigaciones”. Xaime Illa Couto, en “El Pueblo Gallego” (Vigo, xullo de 1936)

Esta información foi pubicada por Miro Villar na súa bitácora As Crebas e tamén no dixital Que Pasa na Costa.

 

Pode que che interese...