Continúan os atentados paisaxísticos en Baroña
Algúns visitantes insisten en construír milladoiros cos coídos do castro de Baroña, un dos espazos arqueolóxicos máis visitados de Galicia, alterando o recinto e o hábitat do monumento.
O castro de Baroña volveu aparecer hai uns días sementado de amilladoiros construídos cos coídos do castro e da praia. Unhas actuacións que constitúen unha grave alteración da morfoloxía estrutural do castro, afectando, especialmente, a entrada do recinto.

Milladoiros de cons construídos no entorno do Castro de Baroña / FB Luz Divina González
A Directiva Comunitaria 92/43/CEE relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres (DOCE 206 22/07/1992), coñecida como Directiva Hábitat define no Anexo I (tipos de hábitats naturais de interese comunitario) como “tipos de hábitats naturais de interese comunitario” os que, no territorio da unión, “se atopan ameazados de desaparición na súa área de distribución natural; ou ben presentan unha área de distribución natural reducida a causa da súa regresión ou debido á súa área intrinsecamente restrinxida; ou ben constitúen exemplos representativos de características típicas dunha ou de varias das cinco rexións”.
Tamén a Lei de conservación da natureza, Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade (BOE 299, 14/12/2007), recolle no seu artigo 45.3 da Lei 42/2007, que “os órganos competentes deberán adoptar as medidas necesarias” para evitar a deterioración ou a contaminación dos hábitats fora da Rede Natura 2000”.
Non é a primeira vez que este feito se repite. De feito, case anualmente, e coincidindo con periodos vacacionais, o entorno do castro de Baroña sofre este tipo de agresións. Diversos colectivos, e mesmo partidos políticos, teñen xa denunciado esta situación e pedido as autoridades que sancionen aos causantes destas pequenas desfeitas paisaxísticas.
[wp_geo_map]