As feridas da Guerra Civil aínda non cicatrizan
A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) recuperou este martes os restos do ferroviario berciano Julio Bello Sierra, represaliado pola represión franquista en 1936 e que se atopaba na localidade lucense de Quiroga.
Por outra banda, este mércores celebrouse o 80º aniversario do asasinato do galeguista Alexandre Bóveda, coincidindo co Día da Galiza Martir, un acto no que a Fundación que leva o nome do político criticou o “esquecemento institucional” dos asasinados polo franquismo.

Fusilados republicanos
A ARMH, nun equipo arqueolóxico, dirixido por René Pacheco e formado por persoas voluntarias chegadas de diferentes puntos, deu coa sepultura do represaliado grazas á investigación realizada polo historiador Alejandro Rodríguez, con información localizada no Arquivo do Tribunal Militar Territorial IV de Ferrol.
A pesar de que non tiña unha filiación política ou sindical coñecida, o día 31 de outubro de 1936 tres falanxistas de Carracedelo e Toral de los Vados (León) presentáronse na casa na que residía Julio Bello, natural de Carucedo, xunto coa súa familia, co obxectivo de detelo e interrogalo. Aos poucos metros foi asasinado e o seu cadáver botado ás augas do río Sil.
Alexandre Bóveda
O vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, David Otero, criticou a falta de “responsabilidade de goberno” por parte das administracións cara á recuperación da memoria histórica e a reparación ás vítimas da represión. “¿Que pasa cos nosos familiares, onde están os seus restos?”, preguntouse David Otero sobre as foxas que aínda non foron escavadas.

Alexandre Bóveda, asasinado polos franquistas en 1936
Pola súa banda, o presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella eloxiou a figura de Alexandre Bóveda, “asasinado por defender Galicia” e recordou a “obriga” de cuestionarse “que se está a facer para que os anhelos que levaron a Bóveda á morte non se sexan realidade”, en alusión aos seus ideais políticos.
En representación da familia de Alexandre Bóveda, a súa filla Amalia e o seu neto Valentín recordaron o seu pai e avó, respectivamente: a primeira, a xeito de carta persoal, recordou os seus ideais de “xustiza e verdade”, e destacou que “non hai chumbo” que acabe coa súa “razón”; o segundo, ao ver unha “ofensa” que non se institucionalizara este Día da Galiza Mártir.
A homenaxe finalizou cunha ofrenda floral ante o monumento instalado en A Caeira no que participaron non só os seus familiares directos, senón os alcaldes dos concellos de Poio e Pontevedra, Luciano Sobral e Miguel Anxo Fernández Lores; o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal; e as fundacións Alexandre Bóveda e Castelao.