fbpx
Estruturas circulares
Estrutura ciruclar en Báscuas, Lugo

O misterio das estruturas circulares galegas

Tempo de lectura: 4 min.

Hai uns días, Xabier Moure daba conta no seu blogue da aparición de novas estruturas circulares na parroquia de Bascuas, en Lugo. Unha estrutura que é moi semellante a outras que se atoparon no mesmo concello, como as de Adai ou Coeses. Tamén o da Roda, en Barreiros, e a outras que se teñen atopado en varios puntos da xeografía galega sen que, ata o momento, se saiba a súa orixe ou a súa función.

Estrutura ciruclar en Adai, Lugo / www.manuelgago.org

Estrutura ciruclar en Adai, Lugo / www.manuelgago.org

O feito é que estas estruturas están rodeadas de misterio. Polo momento, moi poucos especialistas se aventurar a asegurar de que pode tratarse. Sobre o círculo de Adai, Felipe Arias, director do Museo de Viladonga, fala dunha estrutura de control viario de época romana; Manuel Santos, autor do estudo máis amplo ata o momento sobre Adai, non se atreve a aventurar unha función, pero non deixa de chocarlle a proximidade tan inmediata aos outros elementos, fascinantes, que se dispersan entre os inmediatos bosques e prados. Ao divulgador Manuel Gago lémbralle unha castronela altomedieval. Pero como el mesmo di no seu blogue “cada un mira desde a súa óptica, está claro”.

O círculo de Coeses, atopado no marco das obras a autovía Santiago-Lugo, consta dun un foxo ao redor e está protexido por unha sorte de “coiraza”. No seu interior e exterior apareceron foxas que contiñan cerámica, aínda que moi fragmentada polo paso do tempo. A datación do xacemento podería estar entre o Bronce Final e a primeira Idade do Ferro, “pero podería ter sido utilizado durante moito máis tempo”, segundo apuntou Gonzalo Meijide, arqueólogo da Dirección Xeral de Patrimonio en Lugo.

Estrutura circular da Roda, en Barreiros / www.galiciaconfidencial.com

Estrutura circular da Roda, en Barreiros / www.galiciaconfidencial.com

Meijide sinalou unha “posible función ritual” para este singular sitio arqueolóxico. Comparouno, a modo hipotético, co xacemento da Roda de Barreiros, tamén escavado na súa totalidade neste concello da Mariña lucense, tras ser atopada nas obras da Autovía do Cantábrico, que a penas ofreceu material que permitira a súa datación segura.

Círculo de Bascuas

Recinto circular de Brea, en Báscuas, Lugo / Xabier Moure

Recinto circular de Brea, en Báscuas, Lugo / Xabier Moure

Sobre o atopado en Bascuas grazas ás indicacións de Elixio Vieites, Moure sinala no seu bloque que o círculo está arrodeado en todo o seu perímetro por un parapeito feito con terra e pequenas pedras, cunha altura máxima dun metro e mínima duns trinta centímetros. Polo interior do recinto atopou abundantes pedras, algunhas de boa factura. O diámetro do círculo aproxímase aos 50 metros.

“Esta estrutura atópase á mesma altura que os montes circundantes polo que nos fixo pensar nun castro agrícola ou de chaira pero, claro está, non son máis que conxecturas”, suliña. Tras falar cun veciño, apunta que na aldea sempre lles chamara a atención aquel círculo obra, aseguraban, dos propios mouros, os mesmos que construíran unha mámoa que hai moi preto do círculo. O seu pai, de 95 anos, lembraba que o parapeito tiña case a mesma altura en toda a contorna, pero debido aos traballos agrícolas e o aproveitamento da madeira para leña foi rebaixándose.

Esta estrutura está catalogada no PXOM do Concello de Lugo.”Recinto de forma case circular defendido por un pequeno parapeito duns 8 metros de ancho (semi-aplanado) e unha altura que oscila entre 1 e 1,5 metros. Atopábase moi deformado por causas dos labores agrícolas. Non se coñecen evidencias ou noticias de ningún tipo de achádego no lugar, nin tampouco existe a evidencia dun topónimo alusivo á posible existencia dun castro ou similar. Non obstante, cando menos chama a atención a súa disposición, lembrando outros xacementos de similares características”, recolle este documento.

Vistas da mámoa que hai a carón do círculo de Bascuas, en Lugo / Xabier Moure

Vistas da mámoa que hai a carón do círculo de Bascuas, en Lugo / Xabier Moure

Sobre a súa función, Moure di que “a hipótese é a dun lugar ritual, unha especie de círculo cerimonial, pero que no canto de pedras fincadas tipo Prado das Chantas (O Valadouro) ou do Monte Lobeira (Vilanova de Arousa), os seus construtores utilizaran terra e pequenas pedras. Nalgúns campos de mámoas galegos téñense documentado pequenos círculos interpretados como “pozos” onde logo irían os enterramentos pero que non chegaron a rematarse como é o caso, que eu coñeza, do Galiñeiro (Aranga), Alto da Arma (Castro Caldelas), Pena dos Mouros (Cervantes) e Seixos Brancos (Viveiro). No caso do Alto da Arma, o círculo, co interior totalmente aplanado e unha “coroa” terreira ao redor, ten unhas medidas duns 25 metros de diámetro, e no círculo do Galiñeiro, duns 20 metros de diámetro, as características son semellantes”.

Pode que che interese...