fbpx
Petróglifos en Cerdedo
Integrantes do Colectivo Capitán Gosende no novo petróglifo atopado en Cerdedo

Novos achados de petróglifos en Cerdedo

Tempo de lectura: 2 min.

O colectivo Capitán Gosende acaba de descubrir novos petróglifos en Cerdedo. Foi o domingo 31 de xullo, cando João Bieites, Calros Solla, Xoán Soto e Anjo Torres, membros deste colectivo, percorreron as inmediacións do depósito arqueolóxico do Campo dos Cans (ou do Outeiro dos Corvos) que, pertencente á parroquia de Figueiroa.

A estación de Campo dos cans, xa salientada polo Padre Sarmento, componse de 7 túmulos en disposición circular e mais un oitavo que ocupa unha posición central. De feito, un dito popular xa di que “no Campo dos Cans hai oito medorras, a do medio gharda as outras todas”.

A unha distancia aproximada de 300 metros a poñente do cemiterio neolítico, os expedicionarios descubrimos un gravado rupestre (coordenadas X: 550373; Y: 4712647). O petróglifo do Coto Laceiras atópase a 1’5 km ao sueste do lugar da Vilalén (Tomonde), a pouco máis de 900 m cara ao nordés do lugar de Loureiro (Figueiroa), a uns 200 cara ao oeste do leito do regueiro denominado do Coto Laceiras e a uns 100 metros, cara ao sueste, da estrema con Tomonde.

As insculturas están nunha ampla laxa de granito, parcialmente soterrada na actualidade, que coroa o outarelo denominado Coto Laceiras (721 m de altitude). O gravado rupestre, que presenta un avanzado grao de deterioro, conserva á vista doce coviñas de tamaños e fonduras diversos, distribuídas en dous conxuntos (catro cara ao leste e oito cara ao oeste). Seis das coviñas do grupo de oito, moi luídas, únense, dúas a dúas, cunha canle.

O achado fai o número vinte e sete deste colectivo e, sumado ao descuberto hai unhas semanas (“petróglifo de Porriñeiras” (nome provisional)), eleva a media ducia o número de insculturas localizadas na parroquia de Figueiroa: petróglifo do Alto do Monte I (conxunto de coviñas), do Alto do Monte II (conxunto de coviñas), do Outeiro do Mestre (motivos circulares imbricados e coviñas), da Lomba de Castrodiz (motivos circulares e coviñas), de Porriñeiras (coviñas e serpentiforme) e mais o petróglifo do Coto Laceiras (conxunto de coviñas).

Pode que che interese...