fbpx
Fidel e Raúl Castro

Os galegos que construíron Cuba

Tempo de lectura: 10 min.

Coa chegada masiva de inmigrantes europeos a América latina, a fins do século XIX, chegaban tamén as novas ideas do anarquismo e do socialismo. As recentes repúblicas emancipadas do colonialismo peninsular, necesitan desenvolver as súas forzas produtivas e poboar os seus vastos territorios. Foron os inmigrantes galegos e italianos os que se destacaron, desde o punto de vista cuantitativo, pero tamén chegaron portugueses, alemáns, rusos, polacos etc. Algúns eran simples inmigrantes económicos; outros chegaban escapados das guerras ou por persecucións políticas, mesmo relixiosas.

Galiza, naquelas décadas de finais do século XIX, tiña un dos índices máis elevados de crecemento demográfico. Desde a “Castra e Doma” do Reino de Galiza, o noso país sufriu todo tipo de discriminacións e humillacións, que fixeron dunha terra rica, un pobo pobre. A estrutura agraria minifundista de carácter medieval, onde os campesiños, carecían da propiedade da terra, non permitía unha sobrevivencia digna, o que provocou que a maioría da xente nova tivese que emigrar. Tamén serían as guerras colonialistas, as que determinaron que milleiros de mozos humildes fuxisen da morte segura, mentres que os podentes con diñeiro podían evitala .

Os vínculos históricos coas ex colonias, levarían a centos dos nosos paisanos a emigrar cara a Cuba, Porto Rico, Arxentina, Uruguai, Brasil, México e Venezuela. Con aqueles emigrantes tamén foron chegando intelectuais escapados da frustrada primeira República española de 1873. Con eles chegaban as ideas do libre pensamento, o republicanismo federal e as ideas de Marx e Bakunin. Adolfo Vázquez Gómez en Uruguai, Curros Enríquez en Cuba, Iglesias Pantín en Porto Rico ou Manuel Castro López na Arxentina, son algúns exemplos desta etapa.

Foron estes intelectuais ou traballadores conscienciados, influídos polas ideas xurdidas despois da revolución francesa, os que fundaron xornais e os primeiros centros galegos.

Os recén chegados necesitaban auto-defenderse como grupo étnico e tamén como clase social, por iso participan das primeiras loitas do movemento obreiro e a fundación de sindicatos e partidos de esquerda.

A nosa emigración, a diferenza dos vascos ou canarios que se radicaron no agro, instalouse nas cidades. Foise incorporando á incipiente industria destes países ou na área de servizos: hostelaría, peóns de almacén, panadarías, choferes, etc.

Tamén chegaron grandes continxentes de galegos para a realización de grandes obras públicas, como por exemplo o Canal de Panamá, onde morreron a causa das enfermidades tropicais varios milleiros de traballadores galegos. En Brasil traballaron na construción do tren Madeira-Mamoré, deixando as súas vidas centenares dos nosos compatriotas. As condicións laborais e as enfermidades tropicais dezmaban os nosos emigrantes. As campañas publicitarias das empresas de navegación e a necesidade daqueles Estados brasileiros de poboar aquelas vastas xeografías levaban a moitos emigrantes a realizaren aquela titánica odisea.

Modesto López

Modesto López

Outro grupo importante dos nosos emigrantes radicáronse en Alto da Serra, a 1.600 metros sobre a altitude do mar, unha localidade que por aqueles anos ficaba a unha hora de viaxe da cidade de São Paulo. A maioría dos nosos paisanos que residían nesta aldea eran veciños de Goián (Pontevedra) e traballaban no ferrocarril paulista construído polos ingleses.

Algúns máis ousados traballaron a fins do século XIX no Amazonas na extracción do caucho en Manaos. Coa crise deste produto moitos daqueles traballadores trasladáronse selva a dentro polo río até o inexplorábel Alto Amazonas en Iquitos.

Así como temos traballadores galegos en case todos os países latinoamericanos, existiu tamén unha corrente migratoria que despois da primeira Guerra Mundial se radicou en EEUU traballando nas grandes empresas metalúrxicas.

Outros sectores laborais onde os galegos foron moi destacados, foi na mariña mercante daqueles países que tiñan barcos de bandeira propia, fundamentalmente Arxentina e EEUU.

Sociedade Benéfica “Naturales de Galicia”: a primeira sociedade de emigrantes galegos do mundo.

A historia do movemento asociativo da emigración galega é un dos grandes temas aínda a investigar. Temos referencias de que as primeiras organizacións de galegos en América se fundaron a mediados do século XVIII. As mismas denominábanse naturais do “Reino de Galiza” sendo as primeiras: a de México en 1740, Bos Aires en 1790, Veracruz en 1795 e A Habana en 1804. Esas entidades tiñan un carácter relixioso-benéfico e estaban vencelladas ao culto da figura de Santiago Apóstolo.

Na década dos 70, do século XIX, Cuba era o destino de milleiros de emigrantes galegos que deixaban as súas aldeas para probar sorte na illa do caribe. A meirande parte destes emigrantes proviñan das zonas nortes das provincias da Coruña e Lugo. A illa era daquela xunto a Filipinas as últimas colonias dun imperio que estaba na máis absoluta decadencia. Cos tradicionais emigrantes tamén chegaban funcionarios do goberno, militares, sacerdotes e empresarios. A necesidade de ir agrupando aos orixinarios de Galiza, foi creando as condicións para que se fundase a primeira entidade galega na emigración. A mañá do 31 de decembro de 1871 xuntáronse no Teatro Albisu varias dúceas de galegos para fundar a Sociedade de Beneficencia “Naturales de Galicia”. Días despois os fundadores da mesma reuníronse o 11 de xaneiro de 1872 para nomear unha comisión que sería a encargada de redactar os estatutos da mesma. O 21 de xaneiro dese mesmo ano realizouse no Casino Español da Habana unha asemblea onde foi aprobado por unanimidade o regulamento de funcionamiento e a súa primeira comisión directiva. A primeira Xunta de Goberno quedou constituída por Ambrosio Tomati, presidente; Juan Mas, director; José García Barbón, tesoureiro; Joaquín Prieto Canal, secretario; doce conselleiros titulares e doce conselleiros suplentes. Os socios fundadores desta institución foron trinta e sete, entre os que figuraron tamén o impresor Francisco Armada e o camiseiro, Juan García Casariego, Policarpo Sanz, Juan Álvarez Baldoneo, Francisco Loriga Taboada, etc.

Xulio Trigo

Xulio Trigo

Segundo nos conta o historiador Alberto Valín Fernández, entre os fundadores había varios membros da masonería galega establecidos en Cuba, e entre estes, e que saibamos a súa pertenza, podemos nomear a García Barbón, simbólico “Candas”, que foi iniciado o 5 de decembro de 1866, logrando o grao 5º o 31 de decembro de 1866. Francisco Armada, simbólico “Gutemberg”, que en 1873 foi tesoureiro da Loxia Cosmopolita Nº 14 da Grande Loxia Simbólica do Gran Oriente de Colón. García Casariego, simbólico “Artagnan”, que foi membro dla mesma loxia, sendo nomeado en 1876 secretario, arquiveiro e garda selo, foi iniciado en 1868.

A maioría dos fundadores da Benéfica “Naturales de Galicia” eran emigrantes acomodados moitos dos cales estaban adscritos filosoficamente ao librepensamento. Os sectores republicanos liberais de finais do século pasado eran activos militantes da masonería por iso se explica que fosen os impulsores dun sen fin de iniciativas de carácter mutual como cultural e político. Temos que lembrar que outro francmasón José Fontenla Leal, simbólico “Murguía” foi o impulsor da Asociación Iniciadora e Protectora da Real Academia Galega, sendo o seu primeiro presidente outro masón, Manuel Curros Enríquez.

A nova entidade tiña como obxectivo segundo reza nos seus estatutos, artigo 1º: “protexer aos seus asociados e proporcionar socorro aos `Naturales de Galicia´ e aos seus asociados, que se encontren necesitados”.

A cuota mensual foi fixada en 0,50 centavos e de 1 peso aos maiores de 50 anos.

Unha das iniciativas tomadas por unanimidade foi o nomeamento de Socios Honorarios recaindo esta designación en tres mulleres galegas: Rosalía de Castro, Virginia Felicia Aubert e Juana María Vega.

Segundo nos conta Xosé Neira Vilas: “O título correspondente a Rosalía foille entregado a Francisco Loriga, un coruñés que nese entón era o presidente da Sala de Audiencia da Habana. Encomendoulle esta xestión Alexandre Chao. Loriga escribiulle a Rosalía o 30 de novembro de 1873 anunciándolle o envío dese documento, e volveulle escribir o 14 de xaneiro de 1874 explicando que se esquecera de mandarllo coa carta de novembro, pois acababa de atopalo entre os seus papeis.”

Rosalía edita a súa obra poética Follas Novas en 1880. Esta foi editada por “Propaganda Literaria“ de Chao, dedicándolle este libro á Sociedade Benéfica “Naturales de Galicia”, que daquela estaba presidida por Enrique Pascual. A famosa poeta escribirá na dedicatoria impresa no libro: “Un sentimento de gratitude faime hoxe dedicarlle este o meu libro. O día en que os fillos de Galiza levaban a cabo na Habana un dos seus máis gloriosos feitos (permítaseme chamarlle así, porque tal o creo); o día en que entre o aplauso de todos, fundouse en tan lonxana rexión a Sociedade de Beneficencia dos `Naturales de Galicia´, houbo quen quixo santificar ao seu modo volvendo para a súa terra patria os ollos e o corazón, unindo naquela obra de patriotismo ao recordo dun libro que foi tamen ao exaltado froito do amor ao noso país…”.

A partir de 1938 a Sociedade Benéfica “Naturales de Galicia” comezou a editar a súa Revista Vida Gallega, da que foi o seu primeiro director Antonio do Campo. Despois dunha tempada sen saír, reanudou a súa aparición en 1951 ata 1960. A revista seguiu baixo a mandato do mesmo director, modificándolle o nome polo de La Vida Gallega en Cuba.

Esta entidade tiña en 1956 ao redor de 6.000 asociados. Durante a súa longa traxectoria contou co apoio solidario da emigración galega, que se volcaba masivamente ás súas actividades recreativas co fin de recadar cartos para a altruista obra solidaria. Anualmente a Sociedade organizaba a “Festa da Caridade” que se celebraba nos fermosos xardíns da cervexería “La Tropical”, a que se realizaba baixo o lema “Un día na eira do trigo”.

Moitos foron tamén os benefactores que colaboraron economicamente para soster esta entidade, entre eles: José García Barbón, Benito Nogueira, Juan Fernández García, José Fernández Blanco, José Rodríguez del Villar y Albariño, Pedro Murias, Antonio Rodríguez Ledo, Jesús Novoa Castro e Juan Várela Grande, entre outros.

A Sociedade Benéfica “Naturales de Galicia” seguiu funcionando ata os nosos días tendo como sede o Palacio do Centro Galego da Habana. As súas actividades seguen a ser de carácter benéfico contando entre os seus servicios, a do panteón para os seus asociados, situado no cemiterio Colón da Habana.

Centro Galego da Habana

En 1872 uns meses despois da creación da Sociedade Naturais de Galicia fundase a Sociedade Coral Ecos de Galicia. Anos despois en un artigo publicado en “El Eco de Galicia” polo seu director, Waldo Álvarez Insua, o 12 de outubro de 1879, avogábase pola creación dun Ateneo Galego, iniciativa que tivo repercusión inmediata entre os emigrantes galegos da capital cubana.

Aquela idea comezou a cristalizar o 23 de novembro de 1879. Un grupo de estudiantes galegos entusiastas reuniuse no Teatro Tacón (máis tarde Teatro Nacional e hoxe Teatro García Lorca). Acordaron constituír unha sociedade que denominarían Centro Galego, Sociedade de Instrucción e Recreo. A mesa provisional estaba composta por Secundino González Valdés (en substitución de Nicolás Villageliú), como presidente. Ao primeiro paso seguiu un período de laboriosa xestión. O 12 de decembro do mesmo ano quedou aprobado o Regulamento e constituíuse a primeira Xunta Directiva presidida por Nicolás Villageliú.A nacente institución comeza a recibir doazóns e axuda diversa dos novos socios.

En 1906 o centro merca o Gran Teatro Tacón, no corazón da cidade, asín como os terreos lindeiras. Co tempo adquirirá outros ata completar a área que ocuparía o seu Pazo Social, hoxe monumento nacional. Criase a Caixa de Aforros e Banco Galego. Unha vez seleccionado o proxecto, o 8 de decembro de 1907 colocouse a primeira pedra do novo edifício-sede. Pedra traída das canteiras de Parga (Lugo), na que foron labradas simbólicas alegorías.

En 1913 remataron as obras do Pazo Social, onde foi instalada a entidade. O Teatro (que adoptou o nome de Gran Teatro Nacional), rematouse en 1915 e foi inaugurado cunha tempada de ópera.Preside o Centro Eugenio Mañach.

Logo da fundación do Centro Galego foron decenas as entidades que se crearon a ao largo e ancho de Cuba, podemos citar algungas:

Circulo Habanero de Naturais da Devesa – Galicia (31 de diciembre 1898.)

Centro Unión Ourensana (1909).

Sociedad de Instrucción, Recreo y Beneficencia Ferrol y su Comarca. 14 de junio de 1909

Unión Mugardesa de Beneficencia y Recreo (30 de julio de 1909)

Sociedade Fillos do Partido de Lalín ( 20-3- 1910)

Ilustrísima Sociedad de Instrucción y Beneficencia “Vivero y su Comarca” (1910)

Sociedade Monterroso e Antas de Ulla (1911)

Sociedade Chantada, Carballedo y su Comarca (1912)

Sociedad estudiantil Concepción Arenal (1917)

Hijos de Sarria de La Habana (1917)

Sociedad de Hijas de Galicia (1917)

Agrupación Artística Galega ( 23 de septiembre 1919)

Hijos del Ayuntamiento de Bújan de la Habana (1921)

Sociedad Hijos del Ayuntamiento de Golada (10 de septiembre de 1922)

Sociedad Partido Judicial de Arzúa (26 de julio de 1924)

Asociación Naturais de Ortigueira (1928)

Sociedad Hijos del Ayuntamiento de Cospeito (19 de febreiro de 1928)

Sdad. Fillos do Concello de Capela (12 de agosto de 1928)

Sociedade Cultural Rosalía de Castro (19 de junio de 1945)

Desde Cuba impulsáronse moitas iniciativas patrióticas: a construción de escolas en Galicia; a fundación en 1905 da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega na Habana por iniciativa, principalmente, de Fontenla Leal e Curros Enríquez; a estrea do Himno Galego en 1907. Tamén foron moi importante as campañas contra os foros e o caciquismo en Galicia. Durante a guerra civil española o pobo de cuba maioritariamente envorcouse na solidariedade coa causa republicana.

Galegos na vida politica cubana

Dende a colonia moitos foron os galegos que participaron activamente na loita pola independéncia xunto a José Martí, como é o caso do xeneral Francisco Villamil. Pero moitos tamén foron quen deron nacemento ás primeiras organizacións obreiras e tamén ós partidos de esquerda.

É así como temos que facer referéncia do ourensán Manuel Porto Dapena, dirixente emblemático e de lenda como dixo o escritor Neira Vilas. Porto Dapena foi Secretario Xeral da Federación de Traballadores da Bahía da Habana. Foi asasinado a noite do 30 de Setembro de 1940 no Teatro A Comedia durante unha asemblea obreira. Temos que nomear tamén a Claudio Bouzón, militante obreiro comunista quen foi secuestrado e asasinado o 5 de Marzo de 1928 cando repartía oitaviñas durante a VI Conferéncia Sindical Panamericana. O mencionado manifesto denunciaba a intromisión norteamericana e da socialdemocracia amarela no sindicalismo cubano. Outro dos míticos sindicalistas e dirixintes proletários foi Xosé Rego López. Temos que lembrar tamén a Alfredo Baltar de Viveiro quen no 1927 era o Secretario da Unión de Dependentes de Café da Habana.

En Cuba como tamén na Arxentina, e durante unha etapa no Uruguai, os gobernos da oligarquía lexislaban leis de represión ao movemento obreiro en contra os inmigrantes “de ideas raras”, por iso Cuba realiza centos de expulsións de inmigrantes, dos cales unha porcentaxe moi importante eran galegos. Despois do “Manifesto de Cruces” de Febreiro de 1915, os diarios recollen a expulsión de Abelardo Saavedra, Juan tenorio, Vicente López, Róman Delgado e outros coñecidos dirixintes anarquistas.

Posteriormente no 1925 son expulsados, Bonifacio Ruiz Gómez, Carlos Mollá Moíña, José Miguel Pérez, Fructuoso Menéndez García, Maximino Fernández, Ramón González Silva; Máximo García, Antonio Gómez Arias, José Rego López, Vicente Varela López, Dionisio Cano Castro, Casto Serane López, Vicente Varela López, Manuel Souto Silva, Vicente Chao Hernández etc.

Galegos na segunda independencia de Cuba

Ángel Castro, pai de Fidel e de Raúl Castro

Ángel Castro, pai de Fidel e de Raúl Castro

Co golpe de estado do sarxento Batista comeza unha nova etapa de loita política donde serán os mozos, os abanderados do pensamento de Martí e darán un novo impulso á loita pola segunda e definitiva independencia. Neste caso serán os fillos de emigrantes galegos os que escribiran paxinas historicas da revolución cubana. Seria moi extenso e case imposibel escibir as descricións de todos aqueles que deron o seu achegue militante na loita antiditatorial. Intentei relatar a historia dalgúns, quizas os máis destacados, co compromiso persoal de darlle unha continuidade a este traballo de investigación.

Ao escribir este libro e a medida que ía avanzando no traballo de investigación, funme decatando da importancia numerica dos fillos de galegos que formaron parte da dirección do movemento revolucionario. A parte dos irmáns Castro coñecidos por todos como fillos de galegos, nos postos de combate do movemento insurxente estaban os hemanos Santamaria; Manuel Piñeiro “o galego barbarroja”; os irmáns Pais; Fernández Mel; os irmáns Trigo; Chenar Piña; Carlos Rafael Rodriguez; os irmáns Amejeiras; Os “Galegos” Díaz; Arsenico Franco Villanueva, entre outros.

A historias relatadas son a de homes e mulleres que deron os mellor da súa vida por un ideal patriotico, algúns deles á conta da propia vida.

Ao difundir as súas vidas é a miña proposito dar a coñecer algúns aspectos dos galegos en Cuba e a historia deste pais no século XX.

Pode que che interese...