fbpx
Lagar rupestre atopado no castro de Santa Lucía, en Castrelo do Miño / Uvigo

Atopan evidencias do primeiro viño galaico-romano de Castrelo do Miño

Tempo de lectura: 3 min.

A intervención este verán no Castro de Santa Lucía, en Astariz, no Concello de Casrelo do Minho, acaba de sacar á luz un lagar rupestre, o que indicaría que os galaico-romanos que o habitaron xa facían viño entre o século I e III despois de Cristo e evidencian as antigas orixes da tradición vitivinícola da zona.

Os especialistas limparon e escavaron a contorna para descubrir por completo a estrutura do lagar, do que se conservan todas as pezas en pedra faltando só as de madeira. Durante os traballos tamén se atopou material estatigráfico, como unha moeda do ano 235, que permiten datar o lagar na época galaico-romana. “A maioría dos lagares atopados ata o de agora considérase que son de orixe medieval e é moi difícil datalos porque non se conserva material arqueolóxico para facelo. O excepcional neste caso é que si podemos facer a datación de xeito preciso polos restos atopados e que a súa orixe é galaico-romana”, destaca o arqueólogo Eduardo Breogán Nieto.

Traballos no castro de Santa Lucía, en Castrelo de Miño / Uvigo

Traballos no castro de Santa Lucía, en Castrelo de Miño / Uvigo

Ata o de agora, este castro nunca fora escavado nin estudado, a pesar de ter un potencial arqueolóxico importante por ser parte do conxunto de poboados fortificados da Idade do Ferro e época galaico-romana relacionados coa minaría aurífera que flanquean as beiras do val medio do Río Miño, entre Ourense e Ribadavia. Pero desde o pasado 8 de agosto o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (GEAAT) comezou a realizar nel unha intervención arqueolóxica que chega agora ao seu fin.

Aínda que foi unha primeira aproximación, os arqueólogos salientan como os traballos realizados demostran “o enorme potencial deste enclave”. As sondaxes feitas permitiron documentar a súa ocupación castrexa e galaico-romana, ata o século III, e deixar ao descuberto estruturas como unha vivenda castrexa circular, numerosos restos, ademais do lagar galaico-romano.

O equipo

O equipo que participou na intervención estivo formado por Fermín Pérez, director do GEAAT e director do proxecto arqueolóxico; Jessica Silvares e María José Martínez, investigadoras predoutorais da Universidade de Vigo; Eduardo Breogán Nieto, director dos traballos de campo, e o técnico Víctor Muñiz, ambos da empresa Breogán Arqueoloxía. Completaron o grupo arredor de 18 estudantes de Historia e titulacións afíns que en dúas quendas realizaron prácticas na zona procedentes principalmente da Universidade de Vigo pero tamén doutras universidades, como as de Santiago de Compostela, Alacante, Murcia e Barcelona.

“Esta foi unha primeira campaña nun xacemento descoñecido e polo tanto o noso obxectivo era empezar a coñecelo a través de sondaxes valorativas. A descuberta dunha cabana ou vivenda circular en moi bo estado e poder datar e descubrir ao completo o lagar, algo único en Galicia, foron dúas sorpresas moi gratas”, comenta Fermín Pérez. O castro, apunta, deixou nesta primeira intervención, constancia da súa “gran potencialidade patrimonial, tanto pola súa riqueza histórica e arqueolóxica como pola espectacular contorna natural e paisaxística na que se sitúa”.

Sondaxes

Material atopado no castro de Santa Lucía, en Castrelo do Miño / uvigo

Material atopado no castro de Santa Lucía, en Castrelo do Miño / uvigo

Segundo explica o director da intervención, en total realizáronse catro sondaxes noutros tantos sectores do castro. A sondaxe I, de 15 x 3 metros, tivo lugar na plataforma este do castro e nela localizouse un muro pequeno en mal estado de conservación e restos da ocupación en época castrexa. A sondaxe II foi “unha das máis interesantes”, segundo explica Fermín Pérez. Desenvolveuse debaixo do chamado penedo de Santa Lucía, o penedo de granito de grandes dimensións baixo o que ata o século XIX estaba situada a antiga capela de Santa Lucía.

A escavación neste punto comezou atopando restos de ocupación contemporánea e debaixo deles apareceu unha vivenda circular castrexa “moi ben conservada”, cuxo muro chega a alcanzar os 1.6 metros de altura. A pesar de que a intervención non chegou a descubrir toda a estrutura, os arqueólogos salientan que a súa localización permite datar a ocupación do castro desde época castrexa (séculos I e II antes de Cristo) e durante o período galaico-romano (séculos I e II despois de Cristo).

A terceira das sondaxes tivo lugar na plataforma oeste do castro, localizándose neste caso ademais de varias estruturas mal conservadas o pavimento doutra vivenda circular non completa. Tamén apareceron “materiais interesantes” como unha fíbula. Por último, a sondaxe IV realizouse no lugar onde asomaba un lagar rupestre.

Pode que che interese...