fbpx
Ondas xigantes no porto de Malpica / José Dourado- www.artsurfcamp.com

Como e cales foron os principais naufraxios de Malpica

Tempo de lectura: 2 min.

O nome de Costa da Morte non é por casualidade. Foi en Inglaterra onde lle comezaron a chamar así a unha parte da costa galega logo dos numerosos naufraxios que se producían. Un dos máis sonados, a finais do século XIX, o do Serpent, no que morreron máis de 170 mariñeiros ingleses.

Precisamente, para saber máis dos naufraxios que sufriu unha parte da Costa da Morte, Malpica acollerá ao longo deste mes de setembro, tres xornadas de rescate da memoria sobre os accidentes nas súas costas. A primeira cita terá lugar este venres día 16 ás 19:30 horas da tarde no local sociocultura de Cambre. Nesta xornada interxeracional de memoria oral partiparán como informantes catro maiores desta parroquia malpicá: Ermitas Blanco Lema, Asunción Vila Cotelo, Jaime Vila Cotelo e Antonio Veiga Fernández. Os tres poderán recordar naufraxios famosos coma o vapor inglés Sidon acontecido nas ribeiras da praia do Riás.

A segunda cita será no local social de Barizo o vindeiro sábado 17 ás 19 horas. Os informantes serán Manuel Gómez Álvarez, Evaristo García Rodríguez e Rafael Pose Mesura. Os tres falarán dos naufraxios acontecidos nas costas de Barizo e Mens.

Para a tarde do sábado 24 está programada unha dobre sesión de actividades coa que se achegará o libro de Fernando Patricio Cortizo, Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899 (Cartamar). Ás 19 horas realizarase un roteiro de naufraxios pola vila de Malpica e ás oito da tarde presentarase o libro no salón de plenos da Casa do Pescador. Acompañarán ao autor o investigador local Xurxo Alfeirán, que falará das vicisitudes históricas do porto e praia de Malpica, e Jaime Ricardo Suárez Villar, quen lembrará o último naufraxio malpicán do século XIX, o da embarcación David, propiedade de antepasados seus.

Todas as actividades son abertas a público e estarán moderadas por Xosé Manuel Varela.

Pode que che interese...