fbpx
Conxunto relixioso de Iria Flavia, co cemiterio, a igrexa e a Casa do Capelán ao ao fondo / mapio.net

Máis de cinco anos agardando polo gran museo de Padrón

Tempo de lectura: 2 min.

O Concello de Padrón acaba de sacar a licitación a rehabilitación da antiga Casa dos Capeláns, situada no adro da Ex-Colexiata de Iria Flavia, para destinala a Museo de arte sacro e Museo da Historia de Padrón.

Un museo que leva máis de cinco anos de atraso e que ten que ter financiado co 1% cultural. Este centro ten previsto converterse no gran museo de Padrón xa que exporá o importante legado en ourivaría sacra de Padrón, os fondos bibliográficos e privilexios, de entre 1161 e 1701, e unha peza cedida por un particular: o privilexio de 1492.

Tamén se situarán neste edificio as cartas de privilexio do século XV, cuxa restauración impulsou persoalmente o ex ministro Cesar Antonio Molina. Unha delas é copia dun documento que se remonta ao século XII.

O Arcebispado de Santiago e o Concello de Padrón formalizaron en 2011 o convenio para que o inmoble, que se atopa abandonado, se convertera en museo. Este é o segundo dos dous proxectos presentados ao Ministerio de Fomento para o seu financiamento a cargo do denominado 1% cultural, unha achega de fondos estatais da que se benefician aqueles municipios afectados polo paso da AVE. O importe total da actuación ascende a máis de medio millón de euros.

Conxunto do XVIII

As Casas dos Cóengos e a Casa do Capelán, un conxunto de vivendas de finais do século XVIII, construídas para servir de residencia aos cóengos e ao capelán da Colexiata de Santa María de Adina.

Precisamente, esas casas son as que, finalmente, conseguiron pór o nome de Iria Flavia, outra vez, no mapa. Primeiro, porque na primeira naceu o Premio Nobel de Literatura, Camilo José Cela e agora alberga a fundación que leva o seu nome e o Museo do Ferrocarril, en honra ao seu avó, John Trulock, un inglés que chegou a Galicia para impulsar a primeira liña férrea que uniu a estación de Cornes, en Santiago, con Carril, en Vilagarcía, en 1882.

Pode que che interese...