As mámoas tamén teñen anxos da garda
As mámoas son dos bens máis afectados en Galicia. Desbroces incontrolados, plantacións ou realización de pistas son os principais motivos da destrución destes monumentos megalíticos. Os últimos casos, en Oza-Cesuras e Ferrol, sen que as administracións fagan moito por protexer estes bens, tal e como xa publicou HdG.
Sen embargo, tamén hai excepcións e comportamentos dignos de destacar como é o caso do Concello de Cervantes que, estes días procedeu á limpeza da maleza que cubría varias mámoas da necrópole megalítica de Savane-Pena dos Mouros. En total limpáronse de forma manual, para non danalos, nove túmulos que entre os meses de febreiro e xullo deste ano localizou e documentou o Colectivo Patrimonio dos Ancares.
Este cemiterio prehistórico atópase na Serra da Cortella, en montes comunais das aldeas de Folgueiroa e Savane, e que acollen un total de 13 mámoas, o que o converte nun dos grupos máis numerosos da provincia de Lugo, só detrás da necrópole de Lousada, en Xermade.
Despois da limpeza puidemos comprobar que algunhas mámoas que se crían sen cámara funeraria, si a conservan, o mesmo que a coiraza pétrea que protexía os túmulos.
“Dende Patrimonios dos Ancares queremos amosar o noso agradecemento ao Concello de Cervantes polo seu interese en valorizar estes monumentos, e tamén aos comumeiros propietarios dos montes que están a facilitar a posta en valor duns vestixios do noso máis remoto pasado”, apunta a entidade nun comunicado.
Nestes momento, este colectivo atópase en conversas co concello para sinalizar a necrópole que se atopa nun lugar de fácil acceso. De feito, os días 15 e 22 do próximo mes de outubro xa hai organizadas unhas visitas a esta necrópole. O mesmo día 22 tamén haberá unha visita guiada aos integrantes da asociación cultural de Betanzos, Roxín Roxal, ata os primeiros petróglifos localizados na comarca.