fbpx
Reconstrución do coro pétreo da Catedral de Santiago / galipedia

As obras perdidas do Mestre Mateo

Tempo de lectura: 4 min.

Que fai unha figura moi semellante ao Santo dos Croques no cruceiro dunha igrexa do rural galego?. Como chegou esta peza tan rica do patrimonio cultural galego medio perdida a quince quilómetros da catedral?. Esa foi a dúbida que asaltou ao divulgador Elixio Vieites e que compartiu co autor deste artigo mentres visitabamos varias fortalezas e castros do entorno da capital galega.

Unha das esculturas do coro pétreo da catedral de Santiago, obra do taller do Mestre Mateo / Elixio Vieites

Unha das esculturas do coro pétreo da catedral de Santiago, obra do taller do Mestre Mateo / Elixio Vieites

Era ou non era o santo do cruceiro tan ben feitiño e con restos de policromía unha obra do Mestre Mateo?. Pois a pesar da súa ubicación e da súa descontextualización, oculto nunha igrexiña do rural compostelán, resultou que si. E é que o Pórtico da Gloria non foi a única gran obra do Mestre Mateo e da súa escola. As magníficas esculturas que adornan a entrada principal da Catedral de Santiago, e que agora están sendo obxecto dunha minuciosa restauración, teñen irmáns e irmás espallados por distintos puntos de Galicia. Un patrimonio riquísimo que se foi perdendo ao longo de centos de anos.

Pero como se perderon figuras e tallas de tal calidade e que hoxe son auténticas obras de arte?. A orixe da desaparición destes santiños hai que buscala na propia Catedral de Santiago que no século XIII albergou un dos mellores coros pétreos de España. Unha estrutura tallada totalmente en pedra polo taller de Mateo, construído cara o ano 1200, que ocupaba os primeiros catro tramos da nave maior. Esta obra foi desmontada entre 1603 e 1604 por orde do arcebispo San Clemente para ser substituído por outro de madeira que encargou a Xoán Davila e Gregorio Español.

Onde acabaron as pezas do coro pétreo?

E foi aí cando comezou a perda dunhas das obras patrimoniais máis importantes do románico galego. As numerosísimas e riquísimas pezas do coro foron almacenadas sen moito xeito en distintas dependencias da catedral e, co tempo, foron desaparecendo, ben reutilizadas noutras estruturas da propia catedral, ou ben levadas por curas e particulares para adornar igrexas e vivendas.

As esculturas que mellor sorte correron foron as dos apóstolos e profetas que foron rutilizadas para a construción da Porta Santa ou como ornato de capelas e outras estancias da Catedral. Outras pezas foron reutilizadas noutras obras na Catedral. De feito, coas pezas que retirou ó desmontar o coro, Ginés Martínez fixo a base do coro de madeira que o substituiría e, dous anos despois, aproveitou outras para encher de novo as escalinatas de acceso á fachada do Obradoiro, que construiría tamén el en 1606. Este aproveitamento permitiu que hoxe se lograsen recuperar 36 das 38 figuras que coroaban a fachada exterior do coro.

Sen embargo, outras sufriron peor sorte, foron perdendose ou acabaron en mans privadas, como os apóstolos e profetas da colección Blanco Cicerón -cedidos hoxe ós fondos do museo da Catedral- ou do Museo Arqueolóxico Nacional. Cos anos, algunhas apareceron en lugares tan insólitos como as estruturas de peche dalgunhas tendas situadas na Praza de Praterías, ou dúas ménsulas que hoxe sosteñen a trabe dunha casa particular na rúa compostelá da Fonte de San Antonio.

Duas das esculturas do coro pétreo da Catedral de Santiago, obra do taller do Mestre Mateo, están nunha fonte en Vedra / Elixio Vieites

Duas das esculturas do coro pétreo da Catedral de Santiago, obra do taller do Mestre Mateo, están nunha fonte en Vedra / Elixio Vieites

Outras remataron en zonas rurais do entorno de Santiago. Foi o caso do Santiño que se atopa ao pe dun cruceiro en Santa Cristina de Nemenzo, os dous que adornan a fonte de San Pedro de Vilanova, en Vedra, ou as figuras de meniños cantores que foron parar ás xambas da capela de San Salvador de Bembibre, en Val do Dubra e que foron recuperadas por Chamoso Lamas en torno a 1970. Con todo, e desafortunadamente, aínda hai dúas estatuas que seguen sen ser identificadas.

As que se conservan

Yzquierdo Perrín e Otero Túñez inventariaron en 1990 as que se atopan localizadas tal e como recolle a Galipedia :

24 profetas e apóstolos na Porta Santa, máis 4 plafóns na mesma Porta.
2 figuras máis (o profeta Ezequiel e o apóstolo Xudas Tadeo) no deambulatorio da Catedral, a ámbolos lados da cara interna da Porta Santa.
2 figuras na fonte de San Pedro de Vilanova, Vedra.
1 figura no cruceiro de Santa Crisitna de Nemenzo.
2 figuras no Museo Arqueolóxico Nacional, que foran adquiridas en 1950 unha, e 1961 outra, a senllos propietarios particulares e que procedían dun veciño da rúa da Acibechería, a primeira, e dun pazo da Comarca da Ulloa, a segunda.
3 figuras na buchería da Catedral [6]. Unha destas estatuas foi utilizada para a reconstrución do coro no museo.
2 figuras expostas no museo da Catedral (procedentes da colección Blanco-Cicerón e cedidas ó museo en 1985).

Grazas a que aínda persisten estas figuras, en 1995 comezouse a reconstrución do coro, grazas ó patrocinio da Fundación Pedro Barrié de la Maza, que actualmente consta de 17 cadeiras expostas no ,museo da Catedral. Sen embargo, moitas das figuras orixinais seguen ainda dispersas e pouco protexidas.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...