fbpx
Esqueleto dunha moza, Cornelia, atopado na Lanzada, que podería ser do século I D.C. / DEPO

Os esqueletos que poden dar unha volta a historia romana en Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

As escavacións na Lanzada acaban de sacar á luz dous esqueletos que poderían revolucionar o estudo que ata agora se tiña da época romana en Galicia. Este luns aparecían os osos en moi bo estado de conservación de Cornelia e este martes os restos dun bebé.

O equipo de arqueoloxía da institución provincial e a Doutora e Antropóloga Física Olalla López Costas da Universidade de Santiago de Compostela foron os que atoparon estes dous corpos. O esqueleto de Cornelia apareceu case intacto, mentres que o do bebé apareceu moito máis espallado e en peor estado a aproximadamente 5-6 metros do da muller adulta.

Segundo indica Olalla López, que xa participara no estudo dos esqueletos que xurdiron nas escavacións da Lanzada nas décadas dos 60 e 70 do século pasado, trátase da primeira vez que aparecen ósos dun bebé na Lanzada, neste caso, dun neonato moi deteriorado. Ademais, apuntou que este achado casual do esqueleto do bebé non ten porqué implicar relación co da muller atopada o luns, pero si é unha novidade desde o punto de vista antropolóxico xa que se pensa que naquela época non se enterraban os menores dun ano.

Século I

Pola súa banda, o arqueólogo da Deputación de Pontevedra, Rafael Rodríguez, considera que os restos atopados das dúas persoas, e a falta de estudos que o confirmen, son do século I despois de Cristo. Nestes momentos os investigadores non descartan que aparezan novos esqueletos similares.

Restos dun bebé, probablemente do século I D.C. atopados na Lanzada / DEPO

Restos dun bebé, probablemente do século I D.C. atopados na Lanzada / DEPO

Rafael Rodríguez destacou que o achado de Cornelia “supón a confirmación da extensión da necrópole galaico-romana ata a área de ocupación, ó carón das vivendas” e engadiu que “permitirá contar a historia das galegas e dos galegos, poñerlle cara ás e ós protagonistas reais do que aconteceu neste territorio”.

Posta en valor da zona romana

A intervención arqueolóxica do Campo da Lanzada, que comezou o pasado 20 de xullo e continuará ata novembro deste ano e se enmarca no protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento, pretende triplicar a zona visitable da escavación, poñendo en valor a área romana do recinto co fin de aclarar cronoloxías. Para elo, a Deputación de Pontevedra está a investir 262.541,48 € para a posta en valor deste xacemento galaico-romano no que xa se atoparon máis de 3.000 pezas da época romana e se están sacando e consolidando estruturas romanas e castrexas.

A Lanzada trátase dun asentamento fundamental para coñecer o mundo da Idade de Ferro no noroeste peninsular, desde o que se desenvolvían actividades comerciais de grande envergadura, conectando esta zona con puntos do Mediterráneo tan distantes como Palestina, Italia ou Tunisia. Tamén neste xacemento atopáronse vestixios que permiten situar á primeira factoría de salgados do noroeste peninsular.

Pode que che interese...