fbpx
Unha das imaxes do libro "Peregrinar a Compostela na Idade Media'

As reliquias como motores do mundo medieval

Tempo de lectura: < 1 min.

Cal foi o papel das reliquias nas relacións comerciais, políticas e culturais da Edade Media?, que papel xogaron no nacemento das urbes?, e na consolidación de poderes relixiosos?. A estas cuestións tentará dar resposta a X edición do Coloquio Internacional Compostela que, impulsado polo CSIC a través do Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento (Iegps) e o apoio da Axencia de Turismo de Galicia, abordará nesta ocasión o papel das reliquias no xurdimento e evolución dos santuarios de peregrinación desde a Idade Media no continente europeo.

Un total de dezaseis historiadores, arqueólogos e científicos danse cita esta semana no Antigo Hospital de San Roque de Santiago para disertar sobre esta cuestión, e situando de novo a capital galega en “referente” no estudo do fenómeno das peregrinacións.

Segundo detallou Antón Pazos, vicedirector do Iegps, na presentación deste ciclo, un dos aspectos importantes desta cita é a “expansión” do contido a case todas as universidades de peso que se dedican á investigación sobre peregrinacións, grazas á publicación dos coloquios a través da editorial Routledge.

O Ateneo de Santander aproveitará tamén o evento para presentar este xoves o libro ilustrado “Peregrinar a Compostela na Idade Media”, editado pola Fundación Santa María a Real do Patrimonio Histórico, e que trata de achegar a historia do Camiño de Santiago e o fenómeno das peregrinacións a todos os públicos.

A presentación correrá a cargo dos autores do libro, o historiador Jaime Nuño e o ilustrador cántabro Chema Román, quen estarán acompañados polo editor Jesús Herrán e polo presidente do Ateneo, Manuel Anxo Castañeda.

Pode que che interese...