fbpx
Igrexa visigoda de Santa Comba de Bande / www.jal-jones.com

Restauran un dos grandes bens xermánicos de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Santa Comba de Bande, a única igrexa galega da época visigoda que se conserva na súa integridade, será, finalmente, restaurada. Unha restauración que sufragará a Xunta de Galicia e que chega logo dunha denuncia interposta polo Grupo de Acción Ecoloxista Outeiro en setembro de 2014 ante o Seprona.

Esta asociación denunciou durante varios anos o estado de deterioro do templo, especialmente agravado nos últimos tempos debido á humidade que padece e que estaba deteriorando severamene ás pinturas do século XVI que conserva.

Pinturas do século XVI de Santa Comba de Bande / turismo.gal

Pinturas do século XVI de Santa Comba de Bande / turismo.gal

O portavoz deste grupo ecoloxista e membro do Centro de Estudos Chamoso Lamas do Carballiño, Juanjo Álvarez, manifestou en La Región a súa satisfacción.”Santa Comba de Bande merécese unha actuación de urxencia”, indicou ao lembrar que hai xa 2 anos que os técnicos da Xunta certificaron as humidades.

“A igrexa está en pe grazas aos veciños, en especial á xenerosidade de María Isabel Alonso, quen atende as visitas por agarimo ao templo e todo o que significa. O caso do abandono deste templo único, que é Monumento Nacional, Ben de interese Cultural, mostra o abandono do patrimonio cultural de Galicia”, indicou.

Precisamente, María Isabel, unha veciña que vive moi preto da igrexa, é a que permite que todo aquel que se achegue a Santa Comba de Bande a poida visitar todos os días do ano. Unha acción que fai de xeito altruísta desde hai 17 anos. “É un templo tan importante e tan bonito, que me dá pena que a xente non o coñeza, por iso sacrifico o meu tempo, lévoo facendo durante anos, este templo tiña que ser motivo de orgullo para o propio concello de Bande e de toda Galicia”, indica.

O actual templo foi construído no ano 680, aínda que no lugar existiu unha igrexa con anterioridade ao século VII. Logo, a igrexa, foi abandonada trala invasión musulmá. Posteriormente converteuse nun mosteiro ao que se trouxeran as reliquias de San Trocado, discípulo do Apóstolo Santiago. Fonte: La Región

Pode que che interese...