fbpx
Castelo de Vimianzo / vimianzo.gal

A terceira decadencia do castelo de Vimianzo

Tempo de lectura: 9 min.

Artigo de Íñigo Mouzo Riobó

O castelo de Vimianzo, que dende a década de 1990 é un dos máis importantes reclamos turísticos da Costa da Morte, arrastra, dende vai algo máis dun lustro, construcións no seu entorno que están a mudar de xeito importante o seu aspecto visual e os perfís do val e da vila. O forte impacto dalgunhas intervencións que se desenrolan dende 2008 contrastan sen embargo coa saúde turística do propio edificio e da zona, nun lugar que sigue agochando sorpresas para visitantes e para veciños.

O pasado 21 de xullo operarios do concello de Vimianzo atopaban en labores de desbroce do entorno do castelo antigas construcións no lugar. O obxectivo do consistorio era adecentar o entorno para a chegada estival de turistas. Pero o que non se agardaba é que durante a limpeza das fincas adxacentes ó castelo apareceran arquitecturas rurais chamadas a ampliar o perímetro histórico do Ben de Interese Cultural.

Trátase dun muíño, un lavadoiro e unha longa canalización no entorno do rego noroeste que flúe á beira ó castelo. Aínda que xa aparecen descritas noutras fontes, estes restos atopábanse agochados baixo unha intensa capa de vexetación e foran quedando pouco a pouco no esquecemento. Polo de agora, e ata desenvolver un estudo preciso deste achado, non é posible supor que estes sexan coetáneos da fortaleza, aínda que, como poñía de relevo o seu alcalde, Manuel Pazos Antelo, tampouco é descartable xa que é habitual que estes elementos foran tamén necesarios durante a época medieval. O alcalde puxo tamén de relevo a súa intención de poñer estes restos e este espazo lindante co castelo á disposición da vila, comprometéndose a facelo antes de que o seu mandato chegue ó seu fin.

Sen embargo esta preocupación polo castelo e pola súa contorna non é nova, e xa dende a apertura ó público do monumento en 1991 a fortaleza non só se converteu no emblema da vila soneirana senón nun dos maiores referentes monumentais de toda a Costa da Morte. Isto é ante todo pola súa importancia histórica xa que é unha das poucas fortalezas medievais conservadas da rexión noroccidental de Galicia, pero ademais o monumento destaca polo importante factor simbólico que ostentou dende a súa apertura. Xa dende os comezos da década a Deputación da Coruña tivo por obxectivo facer dos seus muros un museo vivo de artesanía e de historia converténdoo co tempo no verdadeiro centro simbólico da cultura viva do paquete turístico da Costa da Morte.

Sen embargo, dun tempo a esta parte, un dos grandes valores de calquera castelo, e especialmente dunha edificación semiurbana que ten por razón de ser a súa situación entre os montes do val vimiancés, como é a relación co seu entorno, está mudando dun xeito radical. Coma noutros moitos monumentos de Galicia o diálogo coa contorna e cos elementos significativos da paisaxe, ficou fora da figura de protección do BIC, máis alá dos 50 metros xenéricos protexidos pola lei. A falta de dilixencia da declaración de Patrimonio e a falta de previsión de consistorios de diferente cor política, posibilitaron que o monumento, símbolo do corazón da Costa da Morte, se atope dende a súa rehabilitación nun especial estado de fraxilidade na súa relación co urbanismo da vila e do propio val. Novas edificacións de grandes dimensións e con forte impacto na contorna están a mudar radicalmente, dende finais da década pasada, a imaxe do castelo, poñendo en perigo os valores máis dificilmente cuantificables como o seu valor turístico, simbólico e referencial.

Mapa antigo coa Terra de Soneira

Mapa antigo coa Terra de Soneira

vimianzo001UNHA FORTALEZA TESTEMUÑA DA HISTORIA DE GALICIA

O castelo foi construído entre os séculos XII e XIII, derrubado polos Irmandiños, e reconstruído a finais do século XV pola familia dos Mariño usando a man de obra dos propios sublebados. As primeiras noticias documentais que temos do castelo datan de finais do século XIV, no que aparece esta familia fidalga, emparentada cos antigos condes de Traba, como herdeiros das posesións desta zona occidental de Galicia. Pero a antigüidade do primitivo castelo debeu de estar relacionada coa familia dos mesmos Traba, naturais desta zona e unha das principais familias da alta nobreza galega da Idade Media, denotando a importancia deste enclave dentro da primeira gran xeración nobiliaria galega.

O edificio é unha modesta fortaleza de época baixomedieval, que ten unha feitura propia dalgúns dos castelos galegos deste período, con torres perimetrais, defensas e foxo, coa torre da homenaxe anexa á muralla. Da época previa á revolta irmandiña só se conservan os alicerces da nada modesta torre principal que se poden observar aínda no patio da actual fortaleza. Posúe ademais distintas estancias de tipo residencial que se lle foron axuntando ó castelo ó longo da historia e que lle confiren unha imaxe especialmente harmónica e unha certa comodidade interior.

Ó longo da súa historia o castelo pasou por mans de diferentes familias nobiliarias e foi testemuña de acontecementos históricos como o enfrontamento entre Moscosos e Fonsecas, acabando entre os seus muros recluído o propio arcebispo de Santiago. Co abandono de Galicia, trala doma dos Reis Católicos, de moitas familias nobres galegas á corte de Castela, a fortaleza quedou nas mans de meiriños e alcaides que mantiveron o castelo en pé ata época contemporánea. Sen embargo a súa importancia non foi a dos séculos do medievo, pasando por mans de diferentes familias, ata que en 1870 dona María Luisa Osorio de Moscoso y Carbajal vende entre outros bens a Casa do Arco de Laxe e o castelo de Vimianzo a don Ramón Martelo Núñez, presidente da Deputación Provincial da Coruña, como residencia privada. Será o seu fillo, don Evaristo Martelo Pumán, figura influínte do momento, tanto no ámbito político como do cultural, quen rehabilite o castelo e o converta nunha das iconas da zona, empregándoa, a xeito de quinta, coma a súa residencia persoal.

A bandeira republicana ondea na torre do homenaxe do Castelo de Vimianzo para conmemorar o 80 aniversario da toma deste castelo por parte do pobo / Manuel Antelo

A bandeira republicana ondea na torre do homenaxe do Castelo de Vimianzo para conmemorar o 80 aniversario da toma deste castelo por parte do pobo / Manuel Antelo

A segunda decadencia do castelo prodúcese na segunda metade do século XX cando no verán de 1965 sofre un gran incendio que o deixa practicamente en ruínas. Dona Dolores Martelo de la Maza decide doar a propiedade arruinada ó Arcebispado de Santiago que, á súa vez, en 1973, a vendería de novo por 600.000 pesetas. Afortunadamente o comprador foi a Deputación da Coruña. Así, nos anos oitenta comeza unha sucesiva fase de restauracións co obxectivo de poñer o monumento a disposición do pobo. A rehabilitación completa remátase en 1991 data na que a Deputación ofrece ó castelo ós concellos da zona para Museo de Encaixe e Escola de Artesanía. Dende aquela o castelo, considerado unha das insignias monumentais da institución provincial é sede da Asociación Neria e, ininterrompidamente dende 1994, o castelo acolle no seu interior unha mostra de artesanía en vivo, servindo como exposición dos faceres tradicionais de toda a Costa da Morte.

Durante a década de 1990 e en diante, e coincidindo co desenrolo do paquete turístico da Costa da Morte, que a asociación Neria fai dos 14 concellos máis norocidentais das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, o castelo de Vimianzo convértese nunha icona fundamental e nun dos corazóns simbólicos da rexión. O edificio, xunto con outras apostas da Deputación na zona, como os Batáns do Mosquetín en Salto, ou o Forno Novo de Buño, pasa por un momento dourado de uso, de importancia monumental e de atracción turística.

A MODIFICACIÓN DOS PERFÍS DO VAL DE VIMIANZO

Sen embargo na actualidade o monumento a pesares de manter viva a intervención da Deputación sofre un novo deterioro. Non un deterioro físico, nin dos seus usos museísticos, senón da súa imaxe visual e simbólica froito do liberalismo urbanístico de Galicia e unha certa falta de previsión. Se ben a zona de protección que delimita a figura de Ben de Interese Cultural se mantén medianamente inalterada, a imaxe do castelo coma fortaleza e como monumento preeminente no val viuse especialmente deteriorada na década presente por mor de diversas intervención importantes para o desenrolo local, mais especialmente pouco coidadosas coa imaxe e a simboloxía do castelo.

O inicio desta decadencia chegou co afundimento do Prestige e o chamado Plan Galicia, que trataba de paliar a discriminación histórica da zona en cuestión de infraestruturas. De entre as obras do Plan Galicia que se proxectaron para a vila atopábase a recén inaugurada autoestrada da Costa da Morte, así como un gran polígono industrial no chan do concello, entre outras infraestructuras prometidas polos gobernos do momento, coma unha residencia de anciáns, garderías, casa da cultura, etc. A meirande parte das promesas do Plan Galicia se demoraron ó longo de toda a década ou sinxelamente nunca chegaron. Sen embargo tanto o polígono industrial como residencia de terceira idade xa son unha realidade na vila mentres que o pasado día 18 de xullo Feijoo anunciaba a prolongación de autoestrada que estaba inaugurando ata a propia vila de Vimianzo.

No tocante ó polígono industrial o 25 de agosto de 2015 coa posta en marcha da nave de Frutas Salgado comezaba a funcionar esta superficie duns 335.000 metros cadrados. O polígono inuagurábase 7 anos despois de que se concluíran as obras, iniciadas o 8 de xuño de 2007 e rematadas tan só un ano despois. O polígono, de promoción estatal e xestionado pola SEA, a sociedade Suelo Empresarial del Atlántico, posúe unhas 110 parcelas de entre 600.000 e 36.000 metros de superficie. Os terreo se atopan na costa de acceso da vila, nunha das zonas altas da entrada do val ó pé da Comarcal AC-552, acceso habitual ó castelo e a vila.

Veciñas de Vimianzo vestidas con traxes medievais na festa irmandiña do Asalto ao Castelo / asaltaaocastelo.org

Veciñas de Vimianzo vestidas con traxes medievais na festa irmandiña do Asalto ao Castelo / asaltaaocastelo.org

Pola contra o xeriático, promovido pola Xunta de Galicia e edificado en 2008 por COPASA, supuxo unha inversión de 8 millóns de euros e no seu inicio esperábase que creara ata uns cen empregos, cunhas 50 prazas de día e unhas 150 de réxime interno. O deseño correu a cargo do arquitecto Luis Collarte, licenciado pola ETSAC, Director Técnico e de obras coma a Domus da Coruña ou a compostelana Área Central e autor de outras obras coma o multiusos de Carballo, o centro de saúde de Betanzos, ou o pazo feiral da Coruña. O edificio, de formigón e amplas superficies acristaladas, atópase sobre un solar de 16.214 m2 cunha superficie construída de 7.364, distribuídos horizontalmente en dúas alturas e con amplas vistas ó val. Situado detrás das chamadas casas baratas, e tamén no alto, se atopa nunha segunda liña da comarcal que se sitúa na zona surleste alzándose directamente en fronte ó castelo impoñéndose fortemente á súa imaxe dentro da vila tradicional.

Por último a autovía ou corredor da Costa da Morte, inaugurada o pasado 18 de xullo por Nuñez Feijóo, foi unha infraestrutura proposta en 2002 no marco do Plan Galicia, pero que se demorou máis de 14 anos e que na actualidade remata en Santa Irene, Salto, a uns 35 km da propia Fisterra. Durante a inauguración o presidente da Xunta anunciou o seu desexo de prolongar a vía 5,5 km máis, ata Vimianzo, e a intención de rematar o tramo de tamén 5,5 km inacabado ata Berdoias, e, xa nun futuro máis lonxano, os restantes ata a vila de Cee. O tramo ata Berdoias foi proxectado e iniciado en 2009 cando se comezou a construción da autoestrada que tivo que quedar paralizado máis tarde pola creba da empresa sobre a que recaía a concesión. Para este tramo inconcluso xa se realizaran desmontes, e gran parte deles, sobre as elevacións que rodean a vila alterando unha vez máis os perfís do val e as vistas tradicionais do castelo e dende o castelo.

Sen embargo a modificación dos perfís do Val de Vimianzo así como a imaxe do entorno da fortaleza e a súa preeminencia como monumento impoñente sobre o val, habería que engadirlle o propio urbanismo local, a progresiva transformación do casarío urbano da vila ó longo das décadas e con especial aceleración na época da burbulla inmobiliaria. Por unha banda a declaración de Ben de Interese Cultural non tivo en conta a relación do monumento coa vila, e en base á lexislación construtiva local o núcleo tradicional mantivo unha dinámica de substitución de edificios. O escaso control sobre a distribución dos novos ensanches urbanos deu lugar a aglomerados construtivos á beira da AC-552, con edificacións que alcanzan as cinco alturas e o desenrolo de grandes volumes construídos como o conxunto formado entre a rúa Trastamara e a propia comarcal, onde se atopan grandes superficies comerciais e grandes volumes de vivendas, situados na zona alta, á entrada da vila.

Na actualidade e coa promesa de continuar o corredor da Costa da Morte ata Berdoias, a vila, que durante décadas foi o corazón da Costa da Morte, enfróntase a unha nova etapa no seu futuro. A vila de Vimianzo e o conxunto da cidadanía da Costa da Morte, enfróntase a un gran desafío, o de manter o perfil monumental do val no que, ata non había moito tempo, o castelo era o monumento prominente e dominante na imaxe territorial da zona, ou o de perder progresivamente a súa relación con el, poñendo ó mesmo tempo en perigo a propia relación turística, referencial e simbólica de todo o territorio da costa máis noroccidental de Galicia. Fontes: La Voz de Galicia, El Correo Gallego, A Opinión da Coruña, elaboración propia.

Pode que che interese...