fbpx
A bandeira republicana ondea na torre do homenaxe do Castelo de Vimianzo para conmemorar o 80 aniversario da toma deste castelo por parte do pobo / Manuel Antelo

Vimianzo honra con libros aos asasinados na Guerra Civil

Tempo de lectura: 4 min.

Artigo de Íñigo Mouzo Riobó

A biblioteca pública de Vimianzo acolle nas súas salas, dende comezos do mes de agosto, o importante legado de Andrés García Ferreiro, o secretario do concello de Vimianzo sentenciado a morte tras o golpe de estado de 1936. O seu neto, Andrés García Trillo, doou para o concello parte da biblioteca persoal do seu avó, achegando á cidadanía da vila unha nova honra para este persoeiro defensor das liberdades na terra de Soneira.

A doazón está composta por material enciclopédico, lexislativo e administrativo entre o que destaca a enciclopedia Biblioteca Universal Ilustrada de Espasa Calpe, un dos máis ricos compendios do saber da súa época, xunto con outros propios do seu cargo administrativo. O actual alcalde, Manuel Antelo, calificou esta doazón como de enorme importancia tanto polo seu valor material como tamén simbólico e exemplarizante. “A figura de García Ferreiro ten que estar sempre presente no concello de Vimianzo para que o seu legado de persoa culta e comprometida sirva de exemplo á hora de loitar polas causas xustas de hoxe en día” recolle a web do concello.

A biblioteca de Vimianzo xa recibira no pasado outras doazóns importantes, entre elas a do escritor Manuel Rivas, moi ligado á localidade e coñecedor da historia e do legado de García Ferreiro. Rivas doara en setembro de 2014 parte da súa colección persoal nunha doazón de arredor dun millar de volumes á que o concello adicou unha sala co seu nome. Sen embargo a doazón da Familia García destaca pola simboloxía do feito ó materializar con este legado bibliográfico unha parte esencial da historia contemporánea desta comarca do occidente galego.

Durante os anos anteriores ó golpe de estado fascista Andrés García Ferreiro fora o secretario do concello de Vimianzo. Daquela era alcalde da Vila José Alborés Gándara “Cordas”, un militante de esquerdas moi próximo a posicións progresistas e de familia politicamente moi activa. O seu irmán Manuel Alborés era dirixente de Izquierda Republicana e tiña relación intensa con colectivos de esquerdas e sindicalistas da Costa da Morte.

Precisamente por estes motivos ós dous irmáns e máis ó secretario García Ferreiro tocoulles vivir un dos episodios máis negros da historia recente da zona. Catro días despois do golpe do 18 de xullo, o alcalde e o seu irmán reciben a nova de que varios falanxistas os estaban agardando para unha emboscada na ponte de Baio. Ante a opción de ir ó seu encontro e enfrontarse coas armas ós sublevados, os irmáns Alborés deciden evitar o baño de sangue e propoñen manterse na legalidade e esperalos na vila ó tempo que organizan un acto simbólico. O acto foi coñecido como o asalto ó castelo de Vimianzo e foi a ocupación do mesmo, daquela chamado Torres de Martelo, abandonado e medio en ruínas. O acto consistiu na entrada nas torres e a colocación de bandeira republicana e varias de esquerdas ó tempo que se daba lectura ó expediente de expropiación do inmoble firmado polo concello.

Mapa antigo coa Terra de Soneira

Mapa antigo coa Terra de Soneira

Expropiación do castelo

Antes do estalido da guerra e do golpe de estado, o 11 de maio de 1936, ó abeiro da legalidade vixente, a corporación municipal acordara a expropiación do castelo co obxectivo de converter o construído en casas consistoriais e adicar os terreos a mercado público, matadoiro e lavadoiro. Unha concorrida manifestación encabezada polos irmáns Alborés dirixiuse ó castelo e ocupou pacificamente o inmoble dando lectura por parte do secretario Andrés García Ferreiro a acta de expropiación.

Evitando o baño de sangue que tería suposto o encontro na ponte de Baio, os tres persoeiros da vila tiveron que asumir en primeira persoa as consecuencias do seu asalto pacífico. O 25 de xullo a Garda Civil e un grupo de falanxistas liderados polo tristemente famoso tenente Rodrigo Santos entrarán no castelo e retirarán os símbolos da ocupación republicana detendo despois ó secretario Andrés García Ferreiro. Andrés foi sentenciado a morte por un tribunal militar en marzo de 1937 polo acto, considerado subversivo, e finalmente executado na primavera de 1938. Pola súa banda os irmáns Alborés García lograrían fuxir ó monte. O alcalde, José, iniciaría unha longa etapa como fuxido polos montes da Soneira que duraría máis de 14 anos, mentres o seu irmán Manuel, con peor sorte, sería detido, torturado e finalmente paseado.

No ano 2010 o Ministerio de Xustiza emitiu unha declaración de reparación e recoñecemento das súas figuras. Sen embargo a verdadeira homenaxe sería a dos propios veciños da vila, quenes o 4 de abril de 1996, nun acto no que acudiron importantes representantes do mundo da cultura de Galicia, coma o propio Manuel Rivas ou Isaac Díaz Pardo, honraron a todos aqueles que perderon a súa vida e sufriron persecución por causas da liberdade en 1936. Ó pé do cruceiro que inicia ó camiño de acceso ó castelo descubriuse unha placa con esta inscrición xunto con versos de Celso Emilio Ferreiro. Hoxe, ademais da placa, a biblioteca pública recolle o legado dun destes persoeiros que perdeu a súa vida pola liberdade e a dignidade desta vila soneirana. Fontes: La Voz de Galicia, El Correo Gallego, web municipal, elaboración propia.

Pode que che interese...