100 anos despois de Risco
Este ano cúmprese o centenario do ingreso de Vicente Risco na Escola da Normal de Ourense, antecedente da actual Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. Nela, o intelectual galeguista desenvolveu o seu labor de formador de xeracións de profesoras e profesores que exerceron logo o seu maxisterio por toda Galicia.
Aproveitando esta conmemoración, a Fundación Vicente Risco e a Facultade de Ciencias da Educación organizaron unhas Xornadas Pedagóxicas nas que tamén se presentou o libro Estudos e Investigacións na Facultade de Educación de Ourense, 100 anos despois de Risco (1916-2016).
A publicación recolle 25 traballos levados a cabo polos diferentes grupos de investigación do centro ourensán no último lustro, entre 2011 e 2016, dando mostra da “diversidade e do calado” da investigación educativa que se realiza hoxe en día nesta facultade e que é posible grazas “ás sementes” postas por mestres como Risco. “A nosa memoria ten que ser o soporte sobre o que se asente o futuro da educación”, destaca Xosé Manuel Cid, coordinador da publicación en declaracións a Rosa Tedín, do Duvi.
“O libro integra achegas de grande profundidade nos mais diversos ámbitos das Ciencias da Educación e do Comportamento. 15 están redactadas en galego, o que dá mostra do esforzo do profesorado deste centro por contribuír á normalización lingüística nun contexto tan hostil ao uso do galego”, sinala o vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación. Os estudos recollidos na obra, recalca Cid, teñen un valor engadido derivado do feito de que “nestes cinco últimos anos téñense producido cambios provocados pola implantación dos novos graos e mestrados que requiriron dun esforzo colectivo extraordinario por parte do profesorado e que limitaron o tempo que lle puideron dedicar á investigación”.

Xosé Manuel Cid, coordinador da obra 100 anos despois de Risco / Duvi
A publicación, engaden os seus promotores, preséntase “enriquecida” pola celebración este ano do 15 aniversario da facultade ourensá, do centenario das Irmandades da Fala e do centenario da incorporación de Vicente Risco ao claustro da Escola Normal de Mestres e á de Mestras como profesor de Historia e de Metodoloxía Didáctica da Historia. “Estes 100 anos teñen unha dimensión presente e un peso no deseño do futuro, por iso son tan relevantes”, recalca Xosé Manuel Cid, que lembra como Risco “foi un dos primeiros que propuxo un ensino máis centrado en Galicia e así o puxo en práctica na súa docencia”.
Catro bloques temáticos
Tendo en conta este contexto, o libro, no que participan máis dunha trintena de docentes e investigadores da Universidade de Vigo, iníciase recollendo varios estudos históricos e continúa agrupando os traballos en tres ámbitos de coñecemento, como son o psicoeducativo, a educación e o traballo social e as didácticas nos diferentes niveis do ensino. A publicación comeza facendo un percorrido de carácter histórico pola Escola Normal de Ourense e a figura do propio Risco; continúa afondando na figura do seu alumno Albino Núñez, referente do maxisterio ourensán, e dos mestres represaliados de Parada de Sil, como Rosa Pons, e remata achegándose á evolución da rede de centros educativos non universitarios nos últimos 60 anos en Ourense.
O segundo bloque da publicación céntrase na análise e intervención psicopedagóxica, abordando, entre outras cuestións, as expectativas universitarias e o éxito académico; as fontes documentais sobre a atención a persoas en situación de dependencia; os piropos como obxectivización sexual do corpo da muller e a educación para o amor. No apartado centrado en educación e traballo social preséntanse estudos sobre temas como a pedagoxía liberadora no traballo con adolescentes; a musicoterapia como apoio educativo para os maiores; a inserción laboral en Educación Social; os factores sociais como determinantes da saúde; as consecuencias neurocognitivas e psicosociais do consumo abusivo de alcol durante a adolescencia e o acoso en Educación Secundaria.

Vicente Risco tras unha das saús escursións / fondo histórico
Un último bloque está centrado na didáctica nas diferentes etapas educativas e nos diferentes ámbitos de coñecemento. Deste xeito, preséntanse traballos sobre temas como o ensino das ciencias e das linguas estranxeiras, a aprendizaxe cooperativa, o potencial das tabletas, o manual escolar, as TIC nas escolas, a mellora do proceso ensino-aprendizaxe, a educación literaria dos docentes ou o desenvolvemento motor e a súa relación coa linguaxe na primeira infancia, entre outros aspectos.
“O nobre oficio de ensinar”
Esta publicación, indican por último os seus responsables, é a terceira do seu tipo que realiza a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, xa que cada cinco anos desde o seu nacemento como tal edita un libro similar, recollendo en cada un deles as investigacións realizadas nos cinco anos anteriores. Ademais, e tal e como acontece na publicación presentada este venres, cada unha destas obras inclúe un recoñecemento ao profesorado xubilado nestes cinco anos “pola súa dedicación “a este nobre oficio de ensinar”.