fbpx
Manuel Puente González, exiliado republicano de Salvaterra de Miño que fundou, xunto con Castelao, o Consello de Galiza na Arxentina

Lembrando aos heroes anónimos da República

Tempo de lectura: 4 min.

Todos os pobos e vilas de Galicia tiveron os seus heroes durante a II República e a Guerra Civil. Moitos destes heroes anónimos acabarían nas cunetas ou en paredóns, fusilados por defender os seus idearios de liberdade. Outros, os máis afortunados conseguirían fuxir. Algúns morreron na emigración, outros voltaron a Galicia para vivir silenciosos e esquencidos.

Pero hoxe a historia xa non a escriben os vencedores, aqueles que pousaron unha lousa de pedra inmunda para non lembrar. Hoxe ese muro de silencio rachou polo seu propio peso, logo de anos de impunidade.

Por iso, eses bravos homes e mulleres que deron a súa vida ou foron represaliados por loitar contra o fascismo e por defender uns ideais de liberdade poden ser lembrados e homenaxeados. Eses homes e mulleres teñen agora un nome, un apelido e unha historia.

Téñono Manuel Mariño Méndez, José Domínguez González ou Manuel Puente González. Eles tamén foron heroes anónimos en Salvaterra e a eles vai adicado este ano A Nosa Memoria, unha exposición que organizará a asociación Lazoiro os días 21, 22 e 23 outubro nas Covas de Dona Urraca con medio cento de fotografías, documentos e xornais da época relacionados coa memoria histórica da vila.

José Domínguez González, tenente de alcalde republicano de Salvaterra de Miño, asasinado en 1936

José Domínguez González, tenente de alcalde republicano de Salvaterra de Miño, asasinado en 1936

Os homenaxeados

Manuel Mariño Méndez, nado na parroquia de Fiolledo, dotado dun talento emprendedor e compromiso social creou no ano 1913 a Sociedade Agraria de Fiolledo, Oleiros e de Salvaterra coa axuda dos emigrados na Arxentina. Foi Concelleiro e o primeiro Alcalde constitucional na II República de 1931 e 1934. Sendo enlace da Unión Progresista do Distrito de Salvaterra de Miño en Bos Aires mercou os terreos para facer en Salvaterra a Casa Cooperativa Sindical ou Casa do Pobo (1927-1929). Delegado Rexional no II Congreso da Federación Nacional de Traballadores da Terra en 1931 en Madrid. Co golpe de Estado do 1936 controlou e dirixiu accións para preservar a legalidade. Tivo que agocharse na parroquia de Leirado e posteriormente fuxiu a Portugal, detido en Monçao durante uns meses, remataría nun penal de Lisboa que coa axuda do embaixador español logrou fuxir á zona republicana. Regresou a Galicia en 1947 con 65 anos de idade aproveitando un indulto de Franco para aqueles que non tiñan delitos de sangue. Viviu silenciosamente na parroquia que o viu nacer ate o seu falecemento o día 15 de febreiro de 1967 aos 85 anos de idade.

José Domínguez González, Tte. De Alcalde fusilado, naceu na parroquia de Corzáns, con 16 anos emigra a República Arxentina, traballou de panadeiro e foi sindicalista deste gremio. En 1920 foi membro da Comisión da Directiva recen fundada “Sociedad Juventud Progresista Hijos de Fornelos y Anexos de Buenos Aires”. Axudou na compra dun terreo para a escola de Fornelos, entre outros. Escribiu artigos para Acción Gallega ou A Fouze de Bos Aires. Membro da Sociedade Nazonalista Pondal de Bos Aires.A Raíz do golpe do 18 de xullo de 1936 forma parte do Comité da Defensa da República, participa na requisa de armas, municións e ferramentas seguindo as ordes oficiais que emitía o Goberno. O 28 de xullo publícase un bando de guerra en Salvaterra e aínda que Domínguez permanecerá agochado en Corzáns, remata por ser detido, ingresou na prisión de Tui 11 de agosto, trasladado a Vigo para ser finalmente fusilado no monte do Castro en Vigo o 24 de febreiro de 1937.

A terceira persoa, Don Manuel Puente González (1890-1970), naceu na parroquia de Oleiros, en 1906 emigra a Bos Aires e aprende o oficio da xoiería, funda no 1919 a empresa Manuel Punta y Cia, unha das maiores cadeas de xoiería e pratería da Arxentina. Puente foi fundador da dirección de Sociedad Anónima Industría Sérica Argentina, primeira fábrica de seda natural da Arxentina. Tivo diversos cargos, entre os que cabe destacar o de tesoureiro na Cámara Sindical de Comercio de Bos Aires, presidente da Cámara de Comerciantes Republicanos Españoles e fundador e primeiro presidente da Sociedade Unión Progresista de Salvatierra de Miño. Membro da Federación de Sociedades Galegas e a Irmandade Galega da Arxentina, socio do Centro Gallego, Centro Orensano, Centro Pontevedrés e outros. En 1929 viaxa a Salvaterra onde inaugura a Casa do Pobo. En 1940 cando Castelao chega a Bos Aires en calidade de exiliado, Puente puxo a disposición de Castelao e a súa dona Virxinia Villaverde e outros. Funda xunto a Castelao e outros o Consello de Galiza (Goberno galego no exilio), sendo Puente presidente da Comisión de Facenda. Costeou diferentes obras de Castelao, entre as que esta o Sempre en Galiza, Albumes de Guerra e as Cruces de Pedra. Sufragou tamén os gastos de Historia de Galicia de Otero Pedrayo e contribuíu a recadación de fondos para financiar a editorial Galaxia fundada no 1950. Finou en Bos Aires no ano 1970, deixando a súa pegada na historia como o gran mecenas galego da emigración.

Nenos xogando a fusilar republicanos durante a Guerra Civil / Agustí Centelles

Nenos xogando a fusilar republicanos durante a Guerra Civil / Agustí Centelles

Homenaxe

A exposición estará organizada a través dun orde cronolóxico no tempo, para que sexa máis fácil a súa compresión, onde os visitantes poderán coñecer a través das fotografías e diferentes montaxes explicativos a historia dos acontecementos que tiveron lugar. Tamén terán a oportunidade de ollar obxectos da época ou xornais de relevante importancia local. Ademais, o domingo 23 a partires das 17:00h terá lugar un acto homenaxe no que intervirán Xesús Alonso Montero, Pte. Da Real Academia Galega, Xosé Ramón Paz Antón, Historiador, investigador e escritor e tamén contará cunha actuación musical ao cargo do veciño de Salvaterra Fernando Abreu, profesor de música, membro do Cuarteto Caramuxo e 2u2 e da Banda Crebinsky.

A Nosa Memoria, na que a entrada é de balde, abrirá ao público o venres 21de outubro de 19:30h a 21:30h, podendo visitarse ao longo de todo o fin de semana do 22 ao 23 en horario de 10:30h a 14:00h, e de 16:30 a 21:30.

Pode que che interese...