Que pasou en Mondoñedo tralas graves inundacións rexistradas en 1760
En 1760 unha das por aquel entón capital dunha das provincias do Reino de Galicia, Mondoñedo, sufriu graves inundacións polo reborde do río O Sixto. Tal foi a magnitude dos desastres provocados no centro urbano que, para evitar que se repetirán, ordenouse realizar un novo plano da cidade con recomendacións de futuras actuacións urbanísticas.
Precisamente, 250 anos despois, a directora do Centro de Estudos de Historia da Cidade da USC, a profesor Ana Goy Diz, e o coordinador do proxecto ‘Mondoñedo dixital: cidade histórica e patrimonio’, o tamén profesor na Facultade de Humanidades da USC, Gonzalo Francisco Fernández Suárez, descubriron este venres este planos inéditos da trama urbana mindoniense no marco dos traballos de dixitalización das actas e acordos plenarios municipais conservados desde o século XVI que están a desenvolver nesta primeira fase do proxecto, unha actuación que comezou hai uns meses que está previsto rematar a comezos de 2017.
A relevancia destes documentos urbanísticos achados é importante, segundo afirmou Ana Goy, quen explicou que os planos descubertos ofrecen información detallada do emprazamento e das características arquitectónicas dos edificios públicos e de relevo existentes na cidade de Mondoñedo na segunda metade do século XVIII (trazado das rúas, casas, edificios principais, fontes, cursos de auga, perímetro amurallado, vías de acceso…), ao tempo que aportan datos respecto as actuacións urbanísticas adoptadas, así como á súa maior ou menor incidencia cara o futuro.
O achado destes planos súmase á xa ampla información rescatada dos arquivos municipais no proceso de dixitalización das actas municipais e acordos plenarios, un labor minucioso no que están a traballar varios egresados da Facultade de Humanidades, como o son Diana Dúo Rámila, Paula Mouriz Rosendo, Adrián Pérez Lago, Jessica Belmonte, ademais da colaboración dos profesores Carlos Baliñas e Antonio Rodríguez Colmenero, o investigador mindoniense Carlos Andrés González e un técnico.

Mapa de mediados do século XVIII de Mondoñedo / USC
Dixitalización
Goy Diz, quen cualificou de “apaixonante” o traballo que están a desenvolver en Mondoñedo, explicou no diario da USC que o proceso de dixitalización non se reduce a fotografar documentos e libros, se non que tamén implica a realización doutras tarefas parellas, como o son a descrición, transcrición e clasificación dalgunhas grafías que conteñen estes documentos e cuxa temática abrangue desde cuestións urbanísticas, actos sociais e populares, fitos históricos para a cidade como o son a chegada dun novo bispo…
A directora do Centro de Estudos da Historia da Cidade da USC entende que o proxecto que se está a desenvolver en Mondoñedo logo do convenio asinado co Concello, un acordo vixente ata 2018 e cun financiamento de 180.000 euros, abre unha nova vía de traballos e colaboracións para o Centro de Estudos da Historia a Cidade da USC, ao tempo que constitúe un novo nicho de emprego para os titulados en Humanidades e Ciencias da Cultura egresados da Facultade de Humanidades da USC.