fbpx
Mámoa de Tecedeiras, ou do Castro, en Lalín / Daniel González Alén

Como é unha mámoa por dentro?

Tempo de lectura: 2 min.

A limpeza dunha finca en Tecedeiras, na Parroquia de Castro de Cabras, en Lalín, fixo posible que se poida apreciar o exterior e parte do interior dunha mámoa. Un feito pouco común, xa que a maior parte delas ou se atopan moi destrozadas ou ocultas entre montes de toxo e fentos.

Foi Daniel González Alén quen deu conta desta nova “redescuberta” na páxina de FB de Natureza e Patrimonio do Deza. “Días pasados a tenza onde se atopa esta mámoa foi rozada de toxos e xestas e agora pode ollarse con detalle o túmulo funerario que anda polos 20 metros de diámetro por 2,5 de altura e logo de que os buscadores de tesouros a violaran en tempos recentes coa apertura dunha gabia”, suliña.

De feito, e a pesar desta violación, a mámoa deixa ver parte da súa estructura interna, coas esteas que soportan a parte interna do monumento funerario. “Mostra o dolmen completo formado por media ducia de esteos e unha lousa a xeito de tapadeira”, engade. González Alén suliña que no entorno desta mámoa e formando unha necrópole, estaba outra que arrasou a ampliación da estrada que conecta Lalín con Monforte, e na que se atopou o famoso vaso campaniforme das Tecedeiras que se garda no Museo de Pontevedra. Outra aínda pode ollarse medio desfeita nas inmediacións dun circuíto de motocrós, agora en desuso, en terreos lindantes co lugar de A Latiza (Rodeiro).

Interior da mámoa de Tecedeiras, ou do Castro, en Lalín / Daniel González Alén

Interior da mámoa de Tecedeiras, ou do Castro, en Lalín / Daniel González Alén

Máis protección

Por iso alerta de que a mámoa de Tecedeiras –no PXOM municipal aparece catalogada como mámoa do Castro– pode seguir o mesmo rumbo cas outras díax “xa que ademais de soportar os labores de roza con maquinaria e a apertura dunha gabia polo nacente, a mámoa serviu de tobo de raposos e coellos tempo atrás e mesmo un carrizo fixo aquí o niño na última primavera aproveitando o abóndante mato que a cubría deica o de agora”.

Neste sentido, González Alén demanda unha sinalización e protección da mesma “xa que é unha das poucas do municipio de Lalín que conserva o dolmen completo á vista”. “Polo menos rogariamos ao dono da propiedade que teña ó coñecemento e sensibilidade imprescindibles para procurar a conservación desta reliquia da nosa prehistoria”, suliña.

Pode que che interese...