O misterio de Cornelia, a muller morta na Lanzada
As probas de carbono 14 realizado aos restos óseos de “Cornelia“, a muller que apareceu nas escavacións da Lanzada apuntan a que podía ter vivido no século V d.C. Unhas datas que non coinciden para nada co dos restos dos dous nenos que se atoparon ao seu carón e que, segundo estas mesmas probas, pertencerían aos séculos I e II D.C.
E porque esa diferencia na datación?. Cal é o misterio de Cornelia?. Segundo o equipo de arqueólogos que traballa na escavación, a datación dos seus ósos pode estar errada. Xa o apuntaba o arqueólogo da Deputación de Pontevedra, Rafael Rodríguez, nunha entrevista no HdG. A dieta cun alto consumo de mariscos e de peixe, cunha alta presenza de colágeno, puido producir unha variación analítica nos seus ósos.
Por este motivo, o equipo de arqueoloxía da institución provincial remitirá de novo ao laboratorio de Florida, onde foron realizados os estudos, máis ósos que permitan concretar unha data, vista a disparidade entre as obtidas nas análises realizadas e “Cornelia” e o resto de corpos achados.
Polo momento, xa se atoparon no Campo da Lanzada un total de 15 corpos, 11 deles correspondentes a nenos e nenas, 3 a persoas adultas e, ademais, os restos dun can. Estas probas sinalan, á vez, que todos eses 11 nenos achados tiñan menos dun ano de idade no momento de falecer.
Rafael Rodríguez mesmo apuntou á posibilidade –aínda que deixou claro que se trata dunha hipótese– que pola orientación dos corpos e o feito de que non aparecera axuar funerario fai pensar a enterramentos cristiáns. Unha hipótese que, de confirmarse, suporía que se trata dun dos primeiros cristiáns dos que se teñen constancia xa non só en Galicia, senón no conxunto da península.