fbpx
Olimpia Valencia na súa consulta de Vigo / Diario dun médico de Guardia

Olimpia Valencia, a primeira médica galega represaliada por ser “roja”

Tempo de lectura: 2 min.

Olimpia Valencia (Baltar, Ourense, 1898 – Vigo, 1987), foi unha muller moi avanzada para a súa época ao converterse, en 1925, na primeira galega en obter a licenciatura de Medicina (cun brillante expediente académico) e foi tamén a primeira muller en exercer a especialidade de Xinecoloxía. O seu carácter aberto, as súas ideas liberais e o coidado polos máis necesitados puxérona, tamén, no punto de mira dos franquistas.

En 1928 estableceuse en Vigo e deuse a coñecer cunha placa na porta e cun anuncio na prensa: “Olimpia Valencia. Especialista en enfermedades de la mujer”. Nun principio tivo moitas dificultades para que lle recoñecesen a súa condición de “médico”, mais pouco a pouco foi gañando prestixio profesional.

Tal e como conta o tamén médico Pablo Vaamonde nun artigo publicado no Galicia Confidencial, hoxe asistimos a unha crecente feminización da profesión médica, pero hai cen anos a situación era ben distinta: a presenza da muller na Universidade era mínima e o exercicio da medicina era un espazo estritamente masculino. A doutora Olimpia Valencia demostrou posuír unha vocación ben definida e unha gran personalidade, para vencer as fortes resistencias e presións sociais ante o acceso dunha muller a unha profesión considerada daquela propia de homes.

Era unha muller culta e socialmente activa, tivo relación con intelectuais galeguistas (Valentín Paz-Andrade, Álvaro das Casas) e comprometeuse na defensa do Estatuto de Autonomía. En 1937, xa iniciada a guerra, foi detida pola Garda Civil e acusada de pertencer ao Partido Galeguista. Non tardou en saír en liberdade, polo seu comportamento e despois de facer un xeneroso “donativo”. Foi sinalada como “roja” e moitas persoas deixaron de ir á súa consulta. Foi capaz de resistir as presións e o boicot, conseguiu praza como médica da Seguridade Social e exerceu a profesión durante décadas. Despois de xubilada aínda continuou na súa consulta privada ata os oitenta anos.

“Olimpia Valencia é unha pioneira, unha muller íntegra, exemplar no seu compromiso, que levou unha vida austera dedicada ao exercicio da profesión a ao servizo aos seus conveciños”, apunta Vaamonde. Hai unha rúa en Oia que leva o seu nome, pero poucos saben de quen se trata. A Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) quere recuperar a súa memoria, “porque este país necesita referentes, precisa revisar e súa historia recente e honrar ás persoas xenerosas que traballaron toda a vida para axudar aos demais e procurar un futuro mellor”.

Pode que che interese...