fbpx
Castelo de Pambre / turismo.gal
Castelo de Pambre / turismo.gal

Roteiro polos castelos medievais das terras do Pambre

Tempo de lectura: 2 min.

O vindeiro domingo, 13 de novembro, ADEGA-Lugo organiza outra andaina dentro do programa de roteiros “Recuperando O Noso” para 2016-2017, que pon en valor proxectos, iniciativas ou actividades para recuperar parte da nosa cultura, tradición ou paisaxe. Desta volta, irán ás Terras do Pambre, onde visitarán os seus castelos medievais e castro, e tamén a Feira de Outono da Eira, un exemplo de recuperación da tradicional feira galega. O roteiro será duns 10 quilómetros e de dificultade media-baixa.

Tras o traslado en bus desde Lugo, a xornada de andaina dará comezo ás 10:30 h no Castelo de Pambre. Alí poderase visitar o interior desta fortaleza, despois de ser recentemente restaurada. Logo o grupo irá ao Castro de Remonde  percorrendo o camiño real, a ponte medieval sobre o río Pambre e os pasos sobre o Rego do Vilar. Trátase dun castro da idade de ferro que está localizado nus terreos que foron mercados pola Fundación EIRA (ADEGA) coa finalidade de promover a conservación e posta en valor deste ben patrimonial.

Despois da visita ao castro, antecastro e parapetos, a ruta continuará polo camiño da Toca ata o Castelo altomedieval do Remesedo. Desde alí hai unha impresionante panorámica. Posteriormente o bus trasladará á xente ás inmediacións da Eira da Xoana (“casiña” de ADEGA radicada no Concello de Agolada) onde se celebra a X Feira de Outono da Eira.

Brañas de Biduedo e Torrentes de Mácara

Despois de xantar visitarase as Brañas de Biduedo  (á proposta de ADEGA, unha zona de “custodia do territorio”) ou, se o tempo o permite, ás Torrentes de Mácara.

A reserva de praza debe realizarse, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299) ou ao móbil (679113718). Cubriranse as prazas ata que se esgoten. A saída do autobús desde Lugo terá lugar diante da Facultade de Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9.00 horas. Aqueloutras persoas que queiran achegarse ao roteiro pola súa conta, o punto de quedada será o domingo ás 10.30 horas no Castelo de Pambre. Estas persoas tamén deberán contactar con ADEGA previamente para dar conta da súa participación. Para máis información: Mariluz (679113718).

Pode que che interese...