fbpx
Imaxe aérea do Castro de Montealegre, que se verá, novamente, seriamente afectado polo desdobramento do Corredor do Morrazo

Un dos grandes castros galegos case desaparecerá por unha estrada

Tempo de lectura: 3 min.

As obras para desdobrar o Corredor do Morrazo, que comezaron a pasada semana, van a supoñer a case desaparición do Castro de Montealegre, en Moaña, un dos máis grandes de Galicia. E é que a infraestrutura proxectada só vai deixar en pe a croa deste xacemento, a pesar dos numerosos achados atopados, entre eles, unha figura castrexa e un camiño empedrado de entrada que se verá afectado.

Precisamente, as obras deste vial xa foron obxecto de polémica hai dez anos xa que o castro estivo a piques de desaparecer. A construción dun túnel na base do monte posibilitou que se puidera manter en pe boa parte do ben arqueolóxico. Pero as novas obras suporán case unha estocada definitiva ao arrasar con boa parte da estrutura exterior do castro.

Guerreiro castrexo atopado no castro de Montealegre/ http://www.historiayarqueologia.com/ FdV

Guerreiro castrexo atopado no castro de Montealegre/ http://www.historiayarqueologia.com/ FdV

Nas escavacións de urxencia que se levan realizado nos últimos meses para rescatar, precisamente, os restos de zonas que se verán afectadas pola ampliación do túnel no desdobramento do Corredor, apareceron numeroso obxectos, aínda que o máis destacado é unha escultura antropomorfa duns 60 centímetros de altura.

A figura é de granito e non conserva a cabeza. Representa un humano sedente cos brazos pegados ao corpo. O gran valor da peza reside, entre outros aspectos, en que foi atopada no propio contexto arqueolóxico. Un feito que fai que o equipo do arqueólogo Miguel Vidal apunte a que se trate dun guerreiro castrexo.

As escavacións centráronse nos estratos inferiores do castro datados no chamado “cambio de era”, entre o século I a.C. e o século I d.C. Ademais do suposto guerreiro castrexo tamén foron clasificadas máis de 20.000 pezas, sobre todo restos de ánforas e de recipientes e utensilios de cociña. Parte deses obxectos serán reconstruídas en 3D.

Camiño de entrada

Outro dos grandes achados deste castro é o viario de entrada ao castro. Consérvanse en perfecto estado máis de 10 metros desa vía. Algo que non é nada común nos castros galegos. E, curiosamente, parte dese viario pode ser afectado polas obras do corredor.

Asta de cervo de 2000 anos / http://www.historiayarqueologia.com/ FdV

Asta de cervo de 2000 anos / http://www.historiayarqueologia.com/ FdV

O castro de Montealegre alcanzou as 3 hectáreas de superficie e calcúlase que residiron nel unhas 300 persoas. Unha superficie enorme e que o sitúa xunto con castros como o de Santa Tegra ou San Cibrao de Las entre os máis grandes de Galicia.

Na zona oeste do xacemento escavado atopouse un enorme concheiro colectivo, con grande cantidade de restos de molusco o que denota a importancia destes na dieta da época. Tamén se conservan restos orgánicos das especies de animais que comían, entre as que destaca unha hasta de cervo con 2.000 anos de antigüidade. Apareceu tamén unha moeda coa efixie do emperador romano Tiberio (14-37 A.C.).

Petróglifos

Outra das riquezas deste ben arqueolóxico é a presenza preto do lugar de varios gravados rupestres que foron declarados BIC no ano 1974 co nome Petróglifo Castro de Montealegre. Outra construción relevante, tanto dende o punto de vista arqueolóxico como etnográfico, é o manancial de auga escavado en forma de mina coñecido como A Cova da Londra, situado na zona norte do castro.

 

Fontes:

Faro de Vigo

Aboal Fernández, R. e Castro Hierro, V. (coords.). 2006. O Castro de Montealegre. Moaña, Pontevedra. Noia, Editorial Toxosoutos. ISBN 84-96673-10-3.

Pode que che interese...