fbpx
Restos das termas romanas no Balneario de Lugo / terrasdaauga

Descubrindo os 2.000 anos das termas de Lugo

Tempo de lectura: 2 min.

“2.000 anos do Balneario de Lugo: un modelo de activación do patrimonio termal”. Esta é unha nova publicación editada polo arquitecto Mario Crecente e a arqueóloga Silvia González que recolle os 2.000 anos de historia do Balneario de Lugo.

A obra recolle aportacións dunha trintena de investigadores e profesionais de diferentes ámbitos científicos, entre eles médicos, hidrólogos, historiadores, arquitectos, arqueólogos e hidroxeólogos. O resultado é un percorrido multidisciplinar pola historia do centro termal e o seu contorno, dende as súas orixes ata os nosos días. Ao longo das 700 páxinas das que consta a publicación, ilustradas con fotografías antigas e material gráfico diverso, reúnese todo o coñecemento que existe sobre o balneario na actualidade dende múltiples perspectivas, ao tempo que se presentan varias propostas de valorización do mesmo.

O balneario conserva vestixios romanos da primeira metade do século I

No transcurso do acto, o director do Balneario de Lugo, Antonio Garaloces, lembrou que o balneario conserva vestixios romanos da primeira metade do século I. E resaltou que “esta publicación ten a peculiaridade de ser a única en toda España que ofrece un coñecemento tan exhaustivo e interdisciplinar sobre un determinado establecemento termal”.

Abórdase a historia, as lendas, a clientela de cada época, o valor das súas augas mineiromedicinais dende o punto de vista terapéutico e tamén lúdico, os avances realizados no estudo das augas ou as obras que se levaron a cabo no balneario ao longo do tempo.

Moitas das fotografías e postais antigas que se destacan nesta publicación pertencen tanto a persoas privadas como a diferentes institucións. Boa parte do material foi cedido por organismos como o Arquivo do Reino de Galicia, Arquivo Histórico Provincial de Lugo, Biblioteca Cidade da Cultura, Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago, Cartoteca do Centro Xeográfico do Exército, Biblioteca Nacional, Arquivo Histórico Provincial de León ou o Museo das Artes e Costumes Populares de Sevilla.

Recreación en 3D

Un equipo da Universidade de Santiago levou a cabo, por primeira vez, unha dixitalización completa do balneario romano por medio de láser scanner 3D, información que tamén se destaca no libro. A publicación remata cunha hipótese de valorización do centro termal e o seu contorno para os vindeiros anos.

A publicación divídese en seis grandes bloques temáticos. En primeiro lugar, abórdase o balneario e o seu contorno como contexto natural. Logo trátase o balneario e a cidade como contexto histórico e social. Tamén se fai referencia aos antecedentes do establecemento termal dende o punto de vista arqueolóxico, ao tempo que se explica a súa evolución arquitectónica. Por outro lado, faise unha análise turística do balneario e os seus recursos, indicando algunhas propostas de futuro nesta liña. E, por último, preséntase un cronograma e unha base documental sobre a historia do balneario.

 

Pode que che interese...