A urbanización da empresa que pedía 4 millóns por danar un castro pode ser expropiada
Á empresa Promociones San Ciprian vaille saír caro a súa intención de que querer cobrar por danar un castro. Hai uns días, o Tribunal Supremo ditaba unha sentenza na que obriga á Xunta a indemnizar a esta empresa que foi a responsable da destrución en 2007 de parte do castro da Atalaia. Unha actuación na que, ademais, a construtora reclamaba máis de 4 millóns de euros pola paralización da urbanización que construía sobre este ben arqueolóxico situado en Cervo.
Unha situación que quere, agora, en parte, remediar o Concello de Cervo. O seu alcalde acaba de anunciar que se revisará o PXOM para corrixir os malos tratos á paisaxe e ao patrimonio por parte de edificacións inacabadas. De levarse a cabo esta medida sería pioneira en toda a comarca da Mariña e abriría un precedente para facer fronte ao boom inmobiliario que nos anos 90 e 2000 encheo de urbanización boa parte desa costa.
A indirecta do popular Alfonso Villares, era clara e tiña un destinatario, a construtora que danou o castro da Atalaia, en parte, pola mala praxe política do propio concello e da Xunta que non actuaron antes para protexer o ben. Para entender esta situación, cómpre lembrar o momento histórico no que tiveron lugar os feitos, un momento no que o boom urbanístico facía correr os cartos “e permitía medrar a corrupción por todas partes”, segundo denunciou Mariña Patrimonio.
O Concello, que concedeu licenza a esta empresa para obrar en decembro do 2006 e abril do 2007, xa procedeu a devolverlle este ano á construtora 30.000 euros en concepto de ICIO, o imposto sobre construcións, instalacións e obras.
Pero ademais dos terreos sobre o castro que pertencen a esta empresa, na zona hai outras construcións, algunhas xa legalizadas e habitadas, polo que non será posible expropialas. O concello tentará facelo con aquelas urbanización que son esqueletos na paisaxe, como as de Promociones San Ciprián ou os que pertencen á Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria, tras as expropiacións que tiveron lugar logo da crise inmobiliaria.
Fonte: