Volven os tempos dos roubos de cruceiros
“¡Roubaron o cruceiro!. Tivo que ser na noite do sábado. Levaron a cruz pero deixaron o varal que lles pesaba mais ”. Esta foi a conversa máis repetida o pasado domingo, logo de que os veciños de Parada, en Lalín, acudiran á misa.
Nun comezo pensouse que quizais se trataba dunha trasnada infantil, como xa aconteceu noutra ocasión cunha imaxe que apareceu esnaquizada detrás dun valado e houbo que levala onda un marmorista a Lalín para pegala.
Pero nesta ocasión trátase dun novo delito contra o noso patrimonio, concretamente, contra un cruceiro procesional. O elemento relixioso foi xa catalogado por Patrimonio Galego. De feito, grazas as fotos desta web que no seu día fixo Elixio Viéitez, a Garda Civil dispón de documentos gráficos da peza roubada; un Cristo crucificado.
O cruceiro, que se atopa a beira da pista que vai de Parada a estrada de Lalín a Ventosa por Alperiz, a uns cen metros da igrexa, non é moi antigo, segundo apunta o divulgador local Daniel García Alén. “Quizais fora posto aquí cando se construíu a torre da igrexa aló polo ano 1941”, indica.
Levaron a cruz
Os ladróns só levaron esta imaxe, na parte superior do cruceiro, e deixaron a súa base. A escultura relixiosa levántase sobre unha plataforma na que se apoia o pedestal prismático de arestas superiores rebaixadas. No anverso tiña unha cruz con brazos circulares e cartela e unha sinxela imaxe de Cristo moi erosionada de pequenas dimensións –case un crucifixo- e non tiña imaxe no reverso. Non hai outra peza igual na zona a non ser nalgún panteón ou algún cruceiro recente feito en cemento. Mais antigos semellan o capitel, o varal octogonal e mailo pedestal do cruceiro que poden datar de cando a construción da actual igrexa parroquial a medidos do século XVIII.
Tamén, e tal e como suliña Daniel García Alén, os mais vellos aínda lembraban que fai uns corenta uns anos rompéronlle un brazo ao Cristo e houbo que compoñerllo.
“A cruz roubada en Parada ten escaso valor artístico pero para os veciños ten un grande valor sentimental e agardan que alguén o devolva ao lugar para que siga recibindo as procesións e bendicindo o camiño onde o lembran dende sempre”, suliña García Alén. Patrimonio Galego xa puxo esta ficha na súa lista vermella.