Como cambiou a paisaxe galega nos últimos anos?
Os mapas, fotos e planos son a mellor radiografía da paisaxe dun país. E, precisamente, estes elementos son os que compoñen a exposición ‘Paisaxe e patrimonio. Unha visión do territorio a través do Arquivo de Galicia’, que dende este martes se pode visitar na Cidade da Cultura, e que é unha viaxe pola historia xeográfica e paisaxística deste país.
A mostra, que pretende reivindicar a protección do patrimonio, tanto en forma de arquivos documentais como a propia paisaxe, estrutúrase en tres seccións: a relativa ao patrimonio natural, a paisaxe humanizada e a paisaxe protexida.
Así as cousas, pódense contemplar imaxes de paisaxe agraria como explotacións gandeiras e de paisaxe industrial como unha instantánea da central das Pontes (A Coruña) e outra da mina da Pontenova (Lugo).
Tamén hai espazo para a paisaxe urbana, con fotografías aéreas de localidades como Vigo e Pontevedra nas que se aprecia o paso do tempo, e para as infraestruturas: as relacionadas co ocio, as hidroeléctricas e de comunicacións, entre outros aspectos.
Os “cambios” de Galicia
Na súa inauguración, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou que a mostra serve para “ler” a transformación da paisaxe de Galicia nos últimos anos. “A natureza foi moi xenerosa con nós, e quizais o home non o fora tanto con ela; pero a Xunta, nos últimos anos, vén facendo unha aposta pola mellora da nosa paisaxe como lugar no que se desenvolven as nosas vidas”, resaltou.
Xeógrafo de profesión, Rodríguez confesou que esta iniciativa lle “toca un pouco no corazón”, e chamou a atención, neste sentido, sobre o seu carácter “simbólico”, a xuntar patrimonio natural e documental.
Pola súa parte, a responsable do Arquivo de Galicia, Mariña García Pita, explicou que os maiores fondos que conforman a exposición son os cedidos pola empresa Fotografía Aérea e Terrrestre, correspondentes ao período que vai dos anos 60 a 1999, de “grande transformación” da paisaxe galega.
Tamén achegaron documentos distintos departamentos dependentes de consellerías da Xunta de Galicia, entre outras institucións.