fbpx
O apalpador, figura mítica do Nadal galego

O Apalpador, a historia da recuperación do Nadal galego

Tempo de lectura: 4 min.

Quen é ese vello barbudo, vestido de farrapos e de falar alegre e cantureiro que estes días visita aos nenos de diversas vilas galegas?…. “É o Apalpador, é o  apalpador!!!”, berraba unha nena toliña de alegría nunha desas visitas sorpresa a un centro escolar a pasada semana.

Os meniños comezan agora a saber quen é o Apalpador. Unha figura mítica da tradición galega que estaba ao límite da desaparición e que está sendo recuperada nos útimos anos grazas a intensa campaña realizada por un grupo de investigadores e profesores.

O apalpador, imaxe popularizada por Leandro Lamas

O Apalpador é un un xigante carboeiro que descendía das devesas na noite do 24 ou 31 de decembro, segundo a zona, para visitar os nenos, tocándolles no ventre para ver se comeron abondo durante o ano, deixándolles unha presada de castañas, eventualmente algún regalo e desexándolles que teñan un ano novo cheo de felicidade e fartura, murmurándolles “así estexas todo o ano”. A súa figura comezou a popularizarse como símbolo do anticonsumismo no Nadal e para recuperar os valores da tradición natalicia galega e confrontalo co importado Papa Noël ou mesmo, coa figura dos Reis Magos.

Na montaña lucense, principalmente, nos vales do Cebreiro, Courel, Louzara e Ancares, é onde pervive a figura deste vello e rexo carboeiro que apalpa a barriga dos nenos. Apalpador, Apalpa-Barrigas ou Pandigueiro é o nome que recibe esta pesonaxe que está ligada ás comarcas de Sarria, Quiroga, Lemos, Terra de Trives e os Ancares,
aínda que se está a recuperar en toda Galicia.

Traballo de recuperación

Ata hai ben pouco case nada se sabía da figura deste ser mítico. Ata o 2006, o Apalpador era unha figura case descoñecida, só mencionada nos traballos dos investigadores José André Lopes Gonçales, Carlos Calvo Varela e Xesús Taboada Chivite. Un ano despois, a asociación compostelá A Gentalha do Pichel anunciou que
comezaría a promover esta figura procurando a súa recuperación e normalización.

De Lopez Gonçales é a primeira cantiga recollida en 1997 a Amadora de Celeiro.

Hoxe é día do Nadal,
día do Noso Señor
ide logo para a camiña
que vai vir o Apalpador.
·············
Hoxe é día do Nadal,
vai neniño para a camiña
que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña.
·············
Hoxe é día do Nadal,
que haberá gran nevarada,
e há vir o Apalpador
cunha mega de castañas.
·············
Por aquela cemba,
xa ven relumbrando,
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.

Previamente, en 1982, Xesús Taboada Chivite, no traballo ‘La Navidad gallega y su ritualidad, in Ritos y creencias gallegas’ recolle a existencia do ritual de apalpar a barriga dos nenos en Noitevella e que chamou “noite do apalpadoiro”.

Xa no 2007, Carlos Calvo Varela publica “O Apalpador e o toro de Natal; ou o “Papá Nöel” e a árvore de luzes“, un traballo publicado no número 95-96 e no que se fai un extenso estudo sobre o fenómeno do Apalpador.

O apalpador versus Papa Noël

No 2009, Edições da Galiza e A Fenda publicaron ‘O Conto do Apalpador‘, un libro que recuperaba a historia desta mítica personaxe da montaña. O libro, cun formato clássico infanto-xuvenil, nacía “com a vontade de contar a autêntica história do Apalpador, tal como foi recuperada por José André Lôpez Gonçález e divulgada pola
Gentalha do Pichel há já três anos, baseada na tradiçom oral das serras orientais, principalmente o Courel”.

O Apalpador visita aos nenos dunha escola/ bibliosigüeiro

A historia foi escrita por Lua Sende e Alexandre Miguens e deseñada polo pintor Leandro Lamas, responsable da primeira imaxe gráfica que se coñece do carboeiro e a que, a partir de entón, foi a icona do Apalpador.

Evidencias dunha tradición case extinta

Pero, quizais, o traballo máis importante sobre este mítico carboeiro foi o publicado o 2012 pola Comisión de Recuperación da Memoria Histórica da Gentalha do Pichel; “Teoría de inverno”. Neste libro, e grazas ao intenso traballo deste grupo, hai unha selección de conversas con veciños das montañas lucenses onde se recuperou a
figura do Apalpador.

E estes veciños falan dun home vello e forte que era carboeiro e que viña na noite de Nadal a palpar barrigas para ver se os nenos ían pasar fame. Nalgunhas aldeas, o máis vello da comunidade disfrazábase de Apalpador e recorría as casas dos veciños. A Gentalha do Pichel ten recollidos case 30 vídeos recuperando esta tradición.

Nun destes, Jaime Parada, da aldea de Outonín, fala sobre o Apalpador:

E nestoutro, o escritor Sechu Sende, fala con Fina, de Ferramulín, e coñece de primeira man quen era o Apalpador.

Froito deste intenso traballo de investigación hoxe en día o Apalpador comeza a ser unha figura coñecida e apreciada polos nenos galegos no Nadal. De feito, a partir do 2010 a Secretaría Xeral de Política Lingüística comezou a incluirno entre as súas actividades para escolares durante estas datas.

Desde entón xa se teñen feito moitas accións relacionadas co Apalpador, mesmo pequenas series animadas, como “Cifregho conhece ao Apalpador“, unha serie que foi estreada na Canle 31 de Ferrol no Nadal de 2012. A curtometraxe amosa un Apalpador que axuda aos animais e se enfronta aos cazadores para preservar a natureza. O autor desta serie é o narrador e ilustrador ferrolán Alejandro García que se adica a crear pequenas pezas animadas para YouTube.

Tan común se está facendo xa a súa figura que mesmo comeza a competir con Papa Noël e os Reis Magos. De feito, noutro vídeo os impulsores da ‘galicola’, a cola galega, denunciaban o consumismo que significaba a figura do Papa Noël e deixaban claro que en Galicia existe unha tradición de Nadal propia na figura do Apalpador.

 

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...