Os arquiveiros denuncian que os orzamentos da Xunta supoñen unha “asfixia” para este sector
O proxecto de Lei de orzamentos da Xunta de Galicia do ano 2017 conxela a partida dedicada a arquivos. Desde o ano 2012 a redución foi dun 44%. Unha situación que supón unha “asfixia” para o sector segundo denuncia BAMAD Galicia, a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia.
“Estas mínimas dotacións orzamentarias continúan asfixiando os centros e seguen a reducir as posibilidades de levar a cabo unhas políticas arquivísticas adecuadas á realidade do noso país”, indica esta entidade. Así, critica que os centros dependentes e xestionados pola Xunta de Galicia carecen de infraestruturas para exercer as súas funcións, e de persoal suficiente, “déficits, que con este orzamento, xa se fan crónicos”, engade.
Asi, suliña que, a pesar da situación dos arquivos, tamén no ano 2017, máis da metade do orzamento para investimento corresponde a Actividades difusoras e de promoción de arquivos e patrimonio documental, e así todos os arquivos do sistema de Galicia contan con 0€ para maquinaria, 8.835€ para mobiliario (neste concepto inclúense os andeis), 23.000€ para obras ou 10.850€ para adquisición e restauración de patrimonio.
A lei de arquivos aprobada en 2014 tampouco parece que estea a remediar os problemas. E é que en outubro do ano 2015 cumpriuse o prazo establecido para que a consellaría competente en materia de cultura lle propoña ao Consello da Xunta de Galicia a aprobación dun Plan de arquivos que avaliará as necesidades de persoal e de infraestruturas dos arquivos do Sistema de Arquivos da Xunta de Galicia.
Nesta situación, os profesionais reclaman da Xunta un esforzo en materia de orzamentos para arquivos “e que cese esta asfixia económica que segue a deteriorar os servizos de arquivos, imprescindibles para garantir dereitos e obrigas da cidadanía”.