fbpx
Fonte da Burga, en Caldas de Reis / Youtube

Revés xudicial para o alcalde que se quixo apropiar dunha fonte histórica

Tempo de lectura: 2 min.

Como é posible que un alcalde leve anos tentando apropiarse dunha fonte de dominio público?. E, como é posible que, a pesar dos reveses xudiciais e das recomendacións da Xunta, insista en controlar un manantial para logo tentar privatizalo?. Pois isto é o que acontece en Caldas de Reis.

E é que unha sentencia da sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ben de ditaminar a propiedade pública da Fonte da Burga II. Unha decisión que se produce logo de numerosos recursos e contrarecursos ante a Consellería de Industria da Xunta e da propia xustiza.

Segundo o novo ditame do TSXG, é o pobo de Caldas o que ten dereito a utilizar a auga procedente da arqueta da Fonte da Burga xa que “foi construída para uso exclusivo do pobo”. De feito, o recurso alude a unha Transacción Xudicial do ano 1928 que recoñeceu o uso público desas augas e permitiu a pacífica convivencia dos veciños da vila e dos usuarios das augas do Balneario Davila.

Nova Umia, a entidade que encabezou toda a loita veciñal destaca a importancia desta vitoria xudicial, sobre todo, polo interese do rexedor de Caldas de “privatizar” un ben público. “Nós mantemos, en coherencia co que dixemos, o dobre carácter que ten a fonte que é pública e veciñal. Levamos más de un século cun acordo e, polo tanto, era importante manter iso, como un dereito histórico por enriba de pretensións privatizadoras”, suliña en declaracións a Historia de Galicia Xesús Rodríguez.

Fonte pública

A partir de agora a fonte seguirá a ser unha fonte pública porque ao Concello nin lle outorga a titularidade da mesma para privatizala nin se lle permite facer un pozo ao seu carón. “De momento será para desfrute do pobo a pesar dos intereses do concello de privatizala”, engade Xesús.

Segundo suliña, o concello quería facerse co control desta fonte para desviar a súa auga a outras pozas, “nas que gastou moito diñeiro”, pero que non teñen auga termal nin minero-medicinal. De feito, non só os veciños loitaron pola súa fonte, senón que tamén un dos balnearios da vila tamén se enfrontou co propio alcalde por verse prexudicado na súa decisión de privatizar a fonte para os “seus intereses propios”.

Pode que che interese...