Rianxo rescata dous símbolos da súa historia | Historia de Galicia
ravado extraido dun artigo de J. R. Figueroa do 1850 e posteriormente reproducido en El barbero Municipal no 1913 / http://omarfeitotradicion.gal/

Rianxo rescata dous símbolos da súa historia

Tempo de lectura: 3 min.

O Concello de Rianxo decidiu trasladar dúas das pezas destacadas do seu patrimonio cultural para o Auditorio Municipal. O seu obxectivo é que estean nun lugar onde a xente poida disfrutar delas. Trátase da laxe decorada dos Campiños e un merlón con escudo dos Soutomaior.

O ortostato procede dun túmulo megalítico, culturalmente pertencente ao neolítico-calcolítco, e o merlón, da fortaleza de Torre/Castelo da Lúa, correspóndese cun elemento construtivo do castelo, que presenta en relevo o escudo de armas axedrezado da familia Soutomaior, vinculada á vila de Rianxo.

Para a musealización destas dúas pezas arqueolóxicas no interior do Auditorio Municipal de Rianxo escolleuse un espazo na planta baixa que visualmente domina os espazos da entrada e a sala de exposicións. Para a súa exposición, construirase unha estrutura expositiva que conterá as pezas e irá acompañada cunha placa explicativa acerca da tipoloxía, cronoloxía, contexto, interpretación e significado de cada unha das pezas. “Deste xeito, estas pezas quedarían expostas nun espazo de numerosa afluencia de cara á súa posta en valor e contemplación pública, nunhas condicións de conservación e seguridade máis axeitadas”, apunta o Concello.

Sitio arqueolóxico dos Campiños, en Rianxo / wikiloc

A laxe decorada de Os Campiños1

A necrópole de Os Campiños, localízase no bordo achairado dunha pequena dorsal topográfica que descende desde o extremo Sur do monte Lioira, A laxe que se exporá, a parte dunha fractura na súa parte apuntada, consérvase aparentemente completa, sen máis danos que algunhas marcas na súa superficie.

Os gravados aparecen sobre ambas caras da laxa, sen apreciarse diferenzas dende o punto de vista morfolóxico ou técnico. Os motivos inscríbense en ambas as superficies da laxe, pero presentan unha maior complexidade na cara A que na B.

Os investigadores apuntan a posibilidade de que se trate da reutilización dunha estela máis antiga por parte dos construtores do túmulo n ° 1 de Os Campiñas, adaptando mediante talla (rotura superior), a laxe aos seus propósitos tal e como, a maior escala, ocorre nalgúns monumentos megalíticos bretóns. Por outra banda, máis que da reutilización dunha estela, din que podería tratarse da decoración intencionada dun ortostato, aínda sabendo que a decoración posterior vai quedar oculta polo túmulo, caso do que tamén existen algúns exemplos.

Outra liña de investigación apuntaría á posibilidade dunha construción tumular, incluíndo unicamente no seu interior unha estela, sen cámara propiamente dita.

Traslado das pezas por operarios do Concello de Rianxo / Concello de Rianxo

O Castelo da Lúa

A Torre de Rianxo, coñecida popularmente coma Castelo da Lúa, correspóndese cunha fortaleza baixomedieval situada no litoral da Ría de Arousa, nunha pequena punta rochosa orientada ao NW, pechando o esteiro da desembocadura do río Te. O xacemento localízase a 1 km do centro do casco urbano da vila de Rianxo. Tras a realización de varias intervencións arqueolóxicas na primeira década do século XXI, actualmente pódense observar parte dos alicerces das edificacións que o conformaban, así como rebaixes e buratos de postes, que indican a existencia de estruturas pétreas e de madeira, hoxe desaparecidas.

No ano 1999 efectuáronse unha serie de movementos de terras relacionados coa construción do paseo marítimo peonil de Rianxo, que sacaron á luza na denominada Punta do Pazo, os restos arquitectónicos dunha construción de carácter monumental identificada cos restos da fortaleza. No verán de 2015 instaláronse unha serie de soportes de carácter informativo, que permiten ao visitante a comprensión e entendemento dos elementos construtivos visibles, da diferenciación das fases construtivas e en definitiva da configuración arquitectónica e histórica do castelo.

A fortaleza foi edificada por Paio Gómez Chariño, primeiro señor xurisdicional de Rianxo. A documentación histórica sinala que a fortaleza fóra atacda polos Irmandades sobre o 1465 e reedificada ao pouco tempo por Suero Gómez de Soutomaior. A partires do 1480 foi derrubada polo gobernador real Fernado de Acuña. Dende entón, ata 1532 as ruínas do castelo foron usadas como cárcere, ata que nese ano é concedida a súa xurisdición directa ao arcebispo Alonso II de Fonseca, novo señor de Rianxo. Tras dese momento, o castelo será espoliado ata case desaparecer, instalándose un obradoiro de cerámica popular en época moderna.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: