As sete exposicións da Casa do Cabido en Santiago reciben máis de 22.000 visitantes en 2016
A Casa do Cabido en Santiago recibiu ao longo de 2016 máis de 22.000 visitantes nas sete exposicións promovidas polo Consorcio de Santiago.
Estas mostras versaron sobre os 20 anos da Real Filharmonía de Galicia, postais de comezos do século XX de Santiago, esculturas de Camilo Otero, oficios antigos, Compostela en 3D, así como unha homenaxe a Rosalía con fotos de Xurxo Lobato.
Actualmente hai unha mostra sobre retratos realizados por Carlos Maside, que se poderá ver ata marzo, con máis de 100 retratos sobre coetáneos seus dos anos 20 e 30 como Castelao, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas ou Valle-Inclán.
O horario da Casa do Cabido é de martes a sábado (de 10,00 a 14,00 e de 16,00 a 20,00 horas), mentres que os domingos abre de 11,00 a 14,00. Os luns permanece pechado.