Amada García, a comunista recén parida que foi asasinada polos franquistas
O Concello de Ferrol recordou este venres cunha ofrenda floral a Amada García, fusilada no ano 1938 no Castelo de San Felipe. Un acto simbólico que pretende botar luz sobre a escuridade que rodeou a esta militante comunista durante tantos anos.

Amada García, militante comunista asasinada en Ferrol en 1938 cando acaba de dar a luz
Amada García Rodríguez morreu asasinada aos 28 anos pola súa militancia no Partido Comunista. Un asasinato que tivo lugar pouco despois de dar a luz un fillo e diante dos muros do castelo de San Felipe, onde un pelotón de fusilamento fusilou tamén aos militantes Juan José Teixeiro Leira, José María Montero Martínez, Ángel Roldos Gelpi e Antonio Eitor Cañiza de Mugardos, Ramón Rodríguez López e Jaime González Pérez de Ares e Germán López García de Cabanas.
Durante o acto, interviñeron os historiadores Enrique Barrera e Bernardo Maiz, xa que este último acaba de publicar un libro sobre a vida desta mugardesa, e deron lectura dun poema de José Torregrosa.
Tamén o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez (FeC), reclamou “a necesidade da recuperación da memoria histórica e poñer en valor o Castelo de San Felipe como lugar emblemático no que aconteceron uns sucesos que xamais deberían de acontecer”, en alusión aos fusilamientos acontecidos neste lugar tras o golpe militar de 1936.
“A nosa intención é continuar ano a ano recordando a figura de Amada, pedindo a colaboración da familia e compartindo a súa dor”, explicou. Ademais do rexedor ferrolano tamén se deron cita neste lugar encravado nun das marxes da ría de Ferrol varios concelleiros da corporación local, así como familiares da homenaxeada, entre os que atopaba a súa neta, Amada García Toimil, e representantes da Asociación Memoria Histórica.