fbpx
Unha das mámoas do Campo do Circo, atopada en Cervantes, e que pasa por ser a máis alta de Lugo / Xabier Moure

Descubertas as mámoas máis altas da provincia de Lugo

Tempo de lectura: 2 min.

Non hai día na que non haxa un novo descubrimento en Galicia. Desta volta son dúas novas mámoas atopadas en cotas nas que é difícil dar con elas, a case 1.300 metros, o que fai que sexan as máis altas da provinca de Lugo e as terceiras de toda Galicia.

Foi o pasado 28 de xaneiro cando integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizaron estes dous novos sitios arqueolóxicos no concello de Cervantes. Foi no monte coñecido como Golada do Campo do Circo, situado a 1.280 metros de altitude, entre as aldeas de Porcís, parroquia de Noceda, e O Portelo, parroquia de Vilarello.

Outras das mámoas descubertas en Campo do Circo, en Cervantes, unha das máis altas de Galicia / Xabier Moure

As dúas mámoas presentas signos de ser violadas. O primeiro túmulo ten unhas medidas de 19 metros de diámetro e unha altura de 1,30 metros. A segunda mámoa ten un diámetro duns 15 metros e unha altura de 1,05 metros. Este grupo de mámoas atópanse a menos de 50 metros do límite coa provincia de León.

Segundo os datos deste colectivo, trátase, ata o momento, das mámoas situadas a maior altitude da provincia de Lugo, ocupando o terceiro posto de Galicia, despois das mámoas do Marco Cavado e do Sistil Branco, entre os concellos ourensáns de Chandrexa de Queixa e Manzaneda, situadas a uns 1.700 metros de altitude.

Entre Galicia e León

Estas dúas mámoas atópanse a uns 500 metros doutro grupo de tres enterramentos que forman parte da necrópole megalítica coñecida como Os Forniños, do que dúas mámoas atópanse na provincia de

Mámoa de O Forniño, en Cervantes, destrozada en 2009 / Xabier Moure

León e unha en Cervantes, como figura no catálogo de Patrimonio da Xunta de Galicia, “aínda que nós cremos que as tres pertencen á provincia de León”, sinalan desde Patrimonio dos Ancares. Independentemente da situación exacta, a mámoa adscrita a Cervantes sufriu unha brutal agresión no ano 2009, cando unha máquina escavadora case a cortou de lado a lado para, din, buscar tesouros.

Todas estas mámoas son do período Neolítico, teñen unha antigüidade aproximada de 5.000 anos. Trátase do terceiro grupo de mámoas localizado por este colectivo no concello de Cervantes. Os outros dous grupos, despois da visita dos técnicos de Patrimonio para comprobar os achados, xa foron incluídos no inventario da Xunta de Galicia.

Pode que che interese...