Inician a rehabilitación do Escorial galego
O mosteiro de Santa María de Oseira, unha das xoias artísticas de Galicia, será rehabilitado. A Consellería de Cultura e Educación licitou xa a redacción do proxecto básico e de execución para as obras neste Ben de Interese Cultural, que inclúen a renovación de parte das cubertas, da carpintería da fachada principal, limpeza e restauración das pinturas murais, entre outros.
Este gran ben relixioso coñécese xa desde 1137 como un mosteiro dependente da Orde do Císter. NO ano 1141 estableceuse unha colonia de monxes franceses enviados por San Bernardo. Os monxes estiveron vivindo alí ate o 1835, cando tivo lugar a desamortización de Mendizábal. Entón o templo quedou totalmente abandonado, o que deu lugar ao espolio. Os relixiosos volveron de novo en 1929, comezando a súa reconstrución.
A igrexa abacial, foi construída entre os anos 1200 e 1239, aproximadamente, e é considerada unha das obras cume da arquitectura cisterciense da Península Ibérica, cun característico estilo románico oxival, e está claramente influenciada polas igrexas de peregrinación. A sala capitular do mosteiro data de fins do século XV e está sustentada por catro columnas centrais de fustes torsos rematando nunha orixinal bóveda.
Obras en varias fases
As obras de restauración levaranse a cabo en varias fases e suporá un investimento total aproximado dun millón de euros. A actuación persegue un triplo obxectivo. O primeiro e máis destacado é garantir a conservación e mantemento deste monumento senlleiro que está considerado coma “o Escorial galego”. En segundo lugar poténciase o valor dun recurso cultural que posúe un importante atractivo turístico e, por último, esta actuación axuda á dinamización dunha zona rural do interior da provincia de Ourense na medida en que posibilita a xeración de novos recursos relacionados co ocio e a cultura. De feito, o mosteiro de Oseira e mailo de Sobrado dos Monxes son os únicos dous cenobios en Galicia que se manteñen en uso con comunidades monásticas en activo.

Sala capitular do mosteiro de Santa María de Oseira / galipedia
As actuacións previstas como prioritarias para acometer por fases inclúen obras de restauración e mellora na cuberta, na carpintería, nos parámetros e nas pinturas murais principalmente, así como a mellora das condicións ambientais dalgunhas partes do monumento.
Tamén se realizará un estudo básico do inmoble e das súas necesidades de cara á súa conservación e á elaboración dun estudo de conservación preventiva, e dun documento técnico que sirva de base para a futura redacción dun plan director do monumento.
En concreto, está previsto acometer a substitución íntegra da cuberta que conecta o claustro dos pináculos co dos medallóns, así como de toda a carpintería da fachada principal. Así mesmo, realizaranse traballos de limpeza e mantemento dos paramentos dos espazos de maior valor cultural e procederase á pavimentación no espazo da escaleira monumental na planta baixa. Tamén se revisará a carpintería, farase un estudo de iluminación e se mellorarán as condicións ambientais da sancristía, da sala capitular e do claustro dos medallóns.
O proxecto de restauración abrangue tamén ás pinturas murais da cabeceira, dos retablos e portas policromadas así como os elementos de carpintería de madeira orixinais do mosteiro.
Outras restauracións
Á actuación no mosteiro de Oseira súmanse outras previstas en destacados monumentos como é o caso da restauración do mosteiro de Sobrado dos Monxes, o mosteiro de Melón e a catedral de Tui (nestes dous últimos coa financiamento do Ministerio).