fbpx
Escenografía de Camilo Díaz Baliñas / xunta.gal

O fondo documental do galeguista Camilo Díaz Baliño xa está dispoñible en rede

Tempo de lectura: 2 min.

Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia, acaba de incorporar o fondo documental do artista, escritor e intelectual galeguista Camilo Díaz Baliño, un dos máis destacados de entre os que se custodian na Biblioteca de Galicia.

Trátase do material reunido por Isaac Díaz Pardo relacionado co seu pai e inclúe arredor de 200 fotografías, relatos orixinais, unha pequena biblioteca persoal e 10 álbums elaborados por Camilo Díaz que recollen toda a súa actividade profesional en América como escenógrafo, ademais dun centenar de cartas e documentos persoais, entre os que se atopa o documento orixinal do xuíz que dá conta da morte de Díaz Baliño, fusilado en 1936. Destacan tamén os debuxos realizados por Camilo Díaz na cadea aos seus compañeiros de prisión, días antes do seu pasamento, e o debuxo con carácter premonitorio do seu futuro.

Con motivo da entrada en dominio público da obra de Díaz Baliño e coincidindo co quinto cabodano do pasamento de Díaz Pardo, falecido o 5 de xaneiro de 2012, a Biblioteca de Galicia pon a disposición de toda a cidadanía este fondo documental para o estudo e a investigación da historia e da cultura galegas do século XX, nomeadamente da Galicia exterior e da intelectualidade galega exiliada.

Carné de corresponsal da revista Lar de Camilo Díaz Baliño / xunta.gal

Un valioso legado documental e bibliográfico

O fondo que foi depositado por Isaac Díaz Pardo na Biblioteca de Galicia constitúe un valioso legado bibliográfico e documental, do que forman parte a colección de Edicións do Castro, fundada en Sada ao abeiro da fábrica de Sargadelos, e mais a colección da Editorial Ruedo Ibérico, fundada en 1961 en París por José Martínez e outros catro refuxiados do franquismo. Nel tamén se inclúen materiais de destacados persoeiros da cultura galega, como o pedagogo e membro activo do Seminario de Estudos Galegos Manuel Díaz Rozas, cuxa biblioteca constitúe un tesouro bibliográfico con libros e publicacións periódicas sobre pedagoxía e outras materias como psicoloxía, historia, literatura, filosofía e ciencias, editados en distintas linguas.

O fondo de Chamoso Lamas, composto por fotografías, folletos, libros, revistas como ‘España Libre’ e ‘Frente Popular’, e obras sobre patrimonio artístico; o fondo de Eugenio Granell, conformado por unhas 100 fotografías e debuxos orixinais; o fondo de Rafael Dieste, que reúne a súa correspondencia con Díaz Pardo, obxectos artísticos, documentos de teatro, obras sobre cine e fotografía, revistas e xornais; xunto con diversas coleccións de orixe privado ou semipúblico, constituídos por álbums de prensa, catálogos, cartas e documentos de todo tipo, completan a Biblioteca Isaac Díaz Pardo.

Pode que che interese...