fbpx
Presentación da campaña "Teño un muso" para captar novos socios do Museo do Pobo Galego no seu 40 aniversario / Concello de Santiago

O museo dos galegos cumpre 40 anos cunha campaña para buscar novos socios

Tempo de lectura: 2 min.

O Museo do Pobo Galego busca novos socios a través da campaña ‘Teño un museo’, que se trasladará dende as redes sociais -onde se iniciou no pasado mes de xuño- ás rúas de Santiago de Compostela grazas á colaboración do Concello da cidade.

Este luns tivo lugar a presentación da campaña que, ademais da captación de novos socios, busca “visibilizar” e “aumentar a base social” do Museo do Pobo Galego, que este ano celebra o 40 aniversario da súa apertura, en outubro de 1977.

O acto contou coa presenza do rexedor compostelano, Martiño Noriega, o presidente do Padroado del Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, e o fotógrafo e representante dos socios da entidade, Tino Viz, quen resaltou que o aumento do número de afiliados axudará a “reforzar a independencia” do museo.

“Todo o mundo sabe que é o Museo do Pobo Galego pero ninguén sabe de quen é. O museo é dos socios, dos galegos“, incidiu Viz, para logo asegurar que o “formato de asociación” que ten a entidade cumpre con “tres funcións”: garantir a “pluralidade”, “o dinamismo” e actuar como “soporte económico” do museo. Un museo que “se asocia con Santiago” pero que pertence “ao conxunto do país” e que serve para loitar contra a “triste unificación cultural” que fai que se perda “a esencia dos lugares”, engadiu Viz.

A xente é a protagonista na campaña do Museo do Pobo Galego para captar a novos socios

Protagonismo da xente

Así, a campaña ‘Teño un museo’ trasladarase da rede ás rúas de Santiago a través da instalación de paneis de publicidade, que estarán protagonizados por 21 socios e socias do museo. Estes escolleron unha peza do museo e unha frase para completar xunto á súa foto “un triángulo” nas imaxes que se instalarán en diferentes puntos da cidade.

O Museo do Pobo Galego cumpre 40 anos da súa apertura neste recén iniciado 2017, unha efeméride con “carga simbólica” que, en palabras de Martiño Noriega, debe aproveitarse para “amplificar e poñer en valor” un museo “referencial” para Santiago e toda Galicia.

40 anos de historia

O presidente do Padroado da identidade, Justo Beramendi, enxalzou a “importancia” do Concello santiagués “ao longo destes 40 anos” dende que en aquel ano 1976 a Casa do concello decidise “atender á solicitude” dun grupo de persoas que reclamaba converter San Domingos de Bonaval nun museo centrado en Galicia.

Un centro que, para Beramendi, serve para “fomentar a análise” dos “problemas” de Galicia, así como a “busca de solucións” para estes, polo que reiterou a importancia de captar novos apoios “non só pola contribución económica” que isto suporía, senón porque serviría para agrandar as “raíces sociais do museo”.

Actualmente, o Museo do Pobo Galego conta con 1.700 asociados, a cota mínima por socio é de 30 euros -existen tamén tarifas para nenos- e os afiliados dispoñen de deducións fiscais ao tratarse dunha asociación sen ánimo de lucro.