fbpx
Unha das salas do Museo Terra de Melide / caminofrances.org

O museo que leva pechando catro anos seguidos por falta de fondos

Tempo de lectura: 2 min.

O Museo Terra de Melide non está aberto. Nin o estará ata finais da primavera. É o cuarto ano que isto sucede e a razón hai que buscala na falta de recursos económicos para manter a institución durante doce meses. Só se precisan 10.000 euros pero, aínda así, non dan chegado. Os fondos propios do museo non dan para mantelo aberto e nin concello, nin Xunta aportan nada para cambiar a actual situación. Só a Deputación da Coruña é a única administración pública que achega diñeiro á entidade.

E isto sucede nun museo situado nun punto estratéxico do Camiño Francés a Santiago, o máis transitado de todos eles e con milleiros de peregrinos durante as catro estacións do ano. Tamén aquí chega o Camiño Primitivo desde Oviedo e, precisamente, unha das seccións do museo está adicada aos camiños de Santiago.

O seu director estivo facendo xestións ante diferentes administracións públicas con miras a evitar o peche temporal da galería, pero sen moito éxito. A apertura durante todo o ano é cuestión só duns 10.000 euros, pero non acaban de chegar. Os 25.000 euros da Deputación non dan, nin tampouco a recadación de cotas, de 30 euros ao ano por socio, que fan 6.000 euros ao ano.

Pezas castrexas e romanas do Museto Terra de Melide / santiagoturismo.com

Os traballadores volcados no museo

O persoal que traballa neste museo realiza, ademais dos labores de mantemento, conservación e limpeza dos fondos e das diferentes salas da galería, que custodia valiosas pezas de arqueoloxía e etnografía, labores de inventariado e investigación do patrimonio e historia da comarca. De feito, acaban de sacar un novo boletín de estudos que anualmente edita a institución, na que recentemente fixeron entrega aos seus 300 socios do libro número vinte e nove.

O Museo de Melide naceu no ano 1978 por iniciativa dun grupo de amigos interesados no estudo, coñecemento e divulgación da cultura e o patrimonio da comarca que lle da nome. Actualmente conta cun novo edificio levantado sobre un antigo hospital de peregrinos, obra do arquitecto melidense Julio Álvarez.

Os seus fondos distribúense nas seguintes seccións: os Camiños de Santiago, na sala primeira, amosa paneis de fotografías dos monumentos do Camiño de Santiago, unha maqueta dos monumentos da Terra de Melide, capiteis medievais, sartegos funerarios do século XV, pintura mural e a historia do Hospital de Peregrinos de Sancti Spíritus. A sección de arqueoloxía abarca as salas segunda e terceira. Na segunda poden verse restos desde o Neolítico á Cultura Castrexa, mentres a sala terceira se dedica á Romanización.

Pezas castrexas, romanas e medievais

O museo recolle pezas dos castros da comarca, sobre todo das escavacións do castro da Graña, e da vila romana de Piñeiros: cerámica castrexa, machadas do neolítico, fíbulas, puntas de lanza, etc. Tamén alberga un interesante material medieval. Posúe unha ampla e interesante sección etnográfica: apeiros dos oficios, xoguetes, reloxos, escola, etc. Ademais de todo isto, desenvolve un gran labor de estudo e divulgación do patrimonio cultural do concello de Melide.el concello de Melide.

Pode que che interese...