fbpx
Claustro reglar ou procesional do mosteiro de San Clodio de Leiro / Galipedia

San Clodio, o mosteiro reconvertido a spa de vinoterapia

Tempo de lectura: 3 min.

O Concello de Leiro apura as obras de construción do primeiro spa de vinoterapia de Galicia, que estará situado no mosteiro de San Clodio, no que se acomete un investimento inicial de 1,2 millóns de euros.

Na actualidade, este ben, declarado Monumento Histórico Nacional en 1931, atópase completamente restaurado e alberga un hotel monumento de catro estrelas, sendo visitables gran parte das súas estancias. A restauración foi financiada pola Xunta nas súas tres cuartas partes e pola cadea hoteleira Hotusa, que ofrece 25 cuartos e diversas salas.

O futuro establecemento termal terá 700 metros cadrados e contará con vestiarios, tres salgas de masaxe, dous individuais e unha dobre, con tratamentos específicos de vinoterapia; unha sala de relax, unha sauna, un baño de vapor, duchas de contrastes, spa-piscina de 40 metros cadrados e zonas de descanso.

Fachada da Igrexa do mosteiro de San Clodio, en Leiro / Galipedia

Tamén a Xunta, a través de Turismo de Galicia, financiou gran parte deste complexo que, segundo a súa titular, Nava Castro, posibilitará a recuperación íntegra do inmoble e “potenciar e difundir” os recursos turísticos asociados á auga termal e ao viño.

Precisamente, aínda que o diñeiro para a súa construción foi público, é posible que, como acontece co hotel, tamén a súa explotación sexa “privatizada”, tal e como confimou o alcalde de Leiro, que indicou que a pretensión é “externalizar” o servizo a fin de que unha empresa con experiencia neste sector leve adiante o proxecto “nas mellores condicións posibles”.

Berce do Ribeiro

Dise que este mosteiro é o berce do viño do Ribeiro. Foi no século XII e XIII cando se repoboou a zona e roturaron as terras e se plantaron as vides, actividades estas recollida no Testamento do Abade Pelagio no ano 1158. Na actualidade estanse a recuperar as vides e terras do seu redor.

As súas orixes posiblemente se remonten ao século VI, cara ao ano 554 (segundo recolle o padre Yepes na súa Crónica da orde de San Bieito), relacionándose cos feitos ocorridos durante a persecución ariana en tempos de Requila, concretamente o martirio e morte do abade de San Claudio de León e varios monxes. O resto da comunidade fuxiu e buscou refuxio no val do río Avia, onde fundaron un novo mosteiro. Aínda todo isto, á vista das fontes, resulta difícil manter a existencia dunha fundación anterior ao século X.

A tradición data a súa fundación no ano 928 por parte de don Álvaro e dona Sabita como mosteiro patrimonial e dúplice, adicándose aos santos Clodio, Lupercio e Vitoria.

Claudio doméstico do mosteiro de San Clodio, en Leiro / Galipedia

Un dos poucos mosteiros cistercienses conservados

No mosteiro non fican restos anteriores ao século XVI, en que foi totalmente reconstruído, a excepción da fachada da igrexa primitiva, que é unha das únicas tres cistercienses que se conservan en Galicia (as outras son as da Armenteira e Meira), e as trabes románicas. Conserva dous claustros, o occidental mestura dos estilos gótico e clasicista, e o oriental de claro estilo renacentista, obra da escola de Rodrigo Gil de Hontañón.

Os claustros pódense visitar practicamente todo o día; a igrexa abre os domingos para a misa, ainda que se pode visitar se se solicita na recepción.

Fontes: propia, La Región, Galipedia, Patrimoniogalego

Pode que che interese...