fbpx
Anxo Lorenzo visita o castro de Viladonga, acompañado por Felipe Arias / cultura.gal
Anxo Lorenzo visita o castro de Viladonga, acompañado por Felipe Arias / cultura.gal

Anxo Lorenzo: “Todos os concellos coñecen a lei aínda que, ás veces, hai meteduras de pata”

Tempo de lectura: 8 min.

Historia de Galicia mantivo unha longa conversa co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Unha conversa na que se falou da actual situación do patrimonio en Galicia, dos seus problemas e dos seus retos. Uns problemas que pasan, obviamente, pola situación na que se atopan moitos bens e pola pouca implicación dalgunhas institucións na súa protección.

Con Anxo Lorenzo abordamos os puntos escuros da nova Lei de Patrimonio e falamos da sensibilización da sociedade cara a conservación do seu pasado, dos museos, da implicación da Xunta no coidado dos nosos bens ou de temas espiñentos, como son a busca de fórmulas mixtas para tentar rendabilizar o noso patrimonio ou modelos de arqueoloxía social para chegar á xente.

Manuel Rivas fala da Galicia do millón de vacas. Eu falo da Galicia do millón de bens patrimoniais. Uns bens que ademais, ben xestionados poden xerar economía para o país. Que fai a Xunta para protexelos?

É certo que é economía e identidade. Partimos dunha situación na que hai millóns de elementos patrimoniais que hai que coidar e difundir. Na lexislatura pasada promovemos unha nova Lei de Patrimonio que actualizaba a do 95 e que xa quedaba obsoleta e incorporamos o patrimonio inmaterial e industrial. Pero, con todo, segue habendo unha necesidade de atender moitos puntos e elementos de conservación, restauración e difusión. Pero tamén hai que ter en conta que o patrimonio cultural é moi complexo. Primeiro, porque o patrimonio ten propietarios, e os bens que teñen que ver coa Xunta, son mínimos. A maior parte do patrimonio está en mans privadas e, por iso, debe ser coidado polos seus propietarios. E, ás veces, entra a Xunta para colaborar con eles no que sexa. E, ademais, na medida en que todo o que ten que ver co Patrimonio ten que ver co planeamento urbanístico tamén se dan unha serie de elementos de dificultade e entran as administracións locais. Por iso, tanto Xunta, como concellos terán que ver con eses propietarios a titularidade deses bens. E por se iso non fora pouco, tamén seguen aparecendo bens patrimoniais. Vós mesmos no voso medio de Historia de Galicia xa tedes sacado varias informacións ao respecto. E coa lexislación actual pois teñen que ser protexidos. Non é fácil a xestión do patrimonio que é moi complexa e ademais hai un elemento de alerta moi importante.

Sen embargo esa lei aprobouse sen o consenso da oposición nin de asociacións, sobre todo, critican que se enfoca sobre todo á turistización do patrimonio e que se reduce ao Camiño de Santiago

Eu entendo todas as críticas, pero iso da turistización dá para un debate aparte. Eu o outro día estiven en Xinzo nunhas xornadas do Entroido e tamén se xerou un debate moi interesante sobre como rematan en botellóns as festas populares. E ese debate pode estar tamén no Camiño. Pero eu separaríao da lei. Non creo que a nova lei dea preferencia ao Camiño. Eu esa lectura non a fago.

A nova lei prioriza o Camiño, desde o punto de vista que dá entrada tamén aos concellos na xestión do Patrimonio. Pero, curiosamente, ás veces son os propio concellos os que están metidos en accións contra ao patrimonio. Nalgúns casos é como se poñemos ao raposo ao coidar das galiñas

Eu penso que esa crítica non é acertada.

Póñoche un exemplo… En Dodro están esperando dous anos por un expediente sancionador ao propio concello por asfaltar parte dun castro. Imaxina que tivera que ser o concello o que ten que sancionar unha infracción que el mesmo cometeu. Vai o concello a denunciarse a si mesmo por arrasar co patrimonio?

Eu penso que todos os concellos actúan de boa fe. Neste caso non sei se foi así.

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, de visita en Castrolandín / cultura.gal

Neste caso o responsable foi o propio concello que ampliou unha estrada e destrozou parte do castro de Imo con informes previos de Patrimonio contrarios a esa obra, tal e como publicamos en Historia de Galicia

Entendo que todos os concellos saben a lei que teñen que cumprir aínda que, ás veces, hai erros e meteduras de pata. Eu este caso concreto non o coñezo pero se hai un expediente sancionador por parte de Patrimonio terase que levar a cabo.

Pero non cres que hai que axilizar estes procedementos sancionadores para que non tarden dous anos cando xa a Valedora emitiu un informe crítico co concello e a Xunta por tanto atraso?, non cres que a nova lei tería que ser máis clara con respecto a isto e axilizar expedientes e sancións?

Pero é que a nova lei xa recolle isto. Que sexan os concellos que xestionen tramitacións especiais, para cuestións do Camiño.

E que volvemos ao de sempre, ao Camiño…

Pero ao mesmo tempo ti comentas que o de Dodro leva xa un par de anos. Por iso queremos que na lei se axilicen as tramitacións. Non neste caso de Dodro, senón noutros moitos. E é que máis do 50% dos expedientes que chegan a patrimonio teñen que ver co Camiño e son temas menores pero que ten unha tramitación longuísima e complicada. Por iso con esta habilitación aos concellos pretendemos que sexan eles, cunhas garantías claras, e con PXOM aprobado, os que poñan un equipo de tres especialistas para axilizar permisos de patrimonio que teñan que ver co Camiño. E, con iso, resolveriamos unha cantidade de cabreos dos veciños que ven que pasan os meses e que polo atasco na administración non dan saído.

Pero, insisto, está ben o do Camiño, pero iso só é unha parte do Patrimonio

Pero é que é importante.

Si, é importante pero tamén é moi importante todo o resto do patrimonio. Por exemplo, estamos vendo que nos últimos días hai un montón de xacementos que caen, a torre de Doiras, a torre de Taboi, castros….

Pois niso teñen moita responsabilidade os propietarios. Non poden dicir iso de que cando están moi ben, desfrutar del, e logo cando cae, que sexa a Xunta a que o repare. Nós desde Cultura facemos un investimento moi importante en bens patrimoniais, sobre todo en BICs, que cremos que deben de ser prioritarios. E facémolo seguindo unhas prioridades e un orzamento concreto e limitado. E tamén o facemos con outras administracións tendo en conta que, en propiedade, a Xunta ten moi pouco patrimonio. E logo en Galicia hai moitos BICs.

Hai moitos, si. É certo, pero para evitar isto non sería mellor facer tarefas previas de prevención para evitar que logo caian?

Na Administración non existen as sancións previas.

Non digo iso. Digo que cando ves que algo está abandonado pois hai faltas leves ou medianas que se poden activar… Igual é necesaria unha policía específica do patrimonio que poña coto ao abandono

Eu non sei se fai falla unha brigada específica de patrimonio…

CASTRO DE MONTEALEGRE

Noutros sitios xa a teñen, ollo, e funciona moi ben

Eu sen cuestionar esas medidas penso que coa responsabilidade dos propietarios, a colaboración da administración pública e a sensibilización social teriamos moito gañado. E poño un exemplo, o castro de Montealegre. Está situado no medio dun proxecto de desdoblamento de Autovía que está nos planos desde hai 15 anos. Coñecíase e ninguén lle facía caso.

Non se fixo caso porque non estaba estudado

Pero era coñecido

Imaxe aérea do Castro de Montealegre, que se verá, novamente, seriamente afectado polo desdobramento do Corredor do Morrazo

E entón como lle chantan unha autovía polo medio?

Pois as autoridades locais de Moaña e Cangas coñecían perfectamente a súa existencia e entón non fixeron nada…Tamén coñecían a existencia, uns quilómetros máis alá, dun vertedoiro que fora selado. Todos tiñan claro que a autovía non podía pasar por alí. Pero ninguén tiña claro, máis ben todo o contrario, que pasara polo castro.

Home, eu ese tema teño tratado e, tamén entón, houbo xente que no seu día criticou o tema

No 2001?

Si

Polo castro?

Si, no 2001 e despois. Houbo entidades veciñais que protestaron entón, como protestan hoxe. Non é unha cuestión menor

Probablemente o nivel de sensibilidade que temos hoxe non era o mesmo que hai 20 ou 25 anos. Entón eran máis importantes os problemas do medio ambiente, pero non os patrimoniais. Hoxe hai moita máis sensibilidade patrimonial. Digo isto porque entón a autovía cambiou para non pasar por riba do vertedoiro pero si polo castro. E no proxecto do 2001 xa se recolle o de trasladar o castro. Por iso, se esas tres patas das que falei antes –sensibilización social, responsabilidade pública e colaboración dos propietarios– estiveran aliñadas pois habería menos problemas e menos alarmas sociais vinculadas ao Patrimonio.

Un tema importante para a cultura e o patrimonio é a rede de museos pero parece que non se lle quita partido. Que pasa cos museos para que sexan tamén os grandes esquencidos?

Non faría esa lectura. É certo que hai moitos museos en Galicia, pero tamén moitos propietarios; privados, de concellos, de deputacións, de Xunta… O do Centro Gaiás é un deles, que naceu como ceentro expositivo.

Na orixe era o gran museo nacional de Galicia…

Pero no plan do 2012 xa se cambiou e no proxecto de obra dese suposto museo, se me apuras, non tiña nin centro de depósitos que é fundamental nun museo. En todo caso, non está mal que haxa moitos museos. Este modelo de museo pequeno, temático, con colección concreta non me parece un mal modelo. Non todos teñen que ser modelos grandes, de referencia, de 2 millóns de visitantes. Está ben que haxa algún. Aí esta o Centro de Arte Contemporánea ou o gran museo dos galegos como o Museo do Pobo Galego. Temos que ter museos grandes, pero logo o modelo dos museos pequenos paréceme interesante, aínda que teñen que ter unha sustentabilidade. E cando algúns operadores lanzan a idea de museos o fan se pensar na súa sustentabilidade. Pero conxugar ese modelo de museo temático e local, con focalización turística, e logo os grandes, paréceme moi ben. Para esta lexislatura temos contemplado aprobar unha Lei de Museos de Galicia e xa estamos traballando nela. A ver se a temos no 18.

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura / cultura.gal

MODELOS DE XESTIÓN

E que pensas de de impulsar un modelo de xestión mixto, privado e público, para potenciar a consolidación do patrimonio e sacarlle rendemento. Eu as veces teño a impresión que o todo gratis favorece, ás veces, o abandono dos xacementos ou a súa invisibilidade. Isto funciona noutros países, como en Reino Unido. Como ves este debate?

Este é un tema para falar longo. Todo o que ten que ver co financiamento da cultura é de moito debate que creo que ten que entrar na estratexia da cultura galega. Pero tamén hai que falar de xeito claro. Aquí se fomentou o da cultura gratis, nos 80, para xeneralizar a entrada na cultura de gran parte da poboación nun momento no que non tiña moita difusión. E,a gora coa crise, pois estamos nunha situación difícil para reverter a situación. Xa que comentas isto, nós xestionamos dous parques arqueolóxicos e a oposión os critica porque están privatizados.

Pero é diferente. Unha cousa é que vós privaticedes a xestión. Eu falo de que o modelo mixto sexa coñecido desde o primeiro momento e con regras moi claras, como se fai noutros países.

Pero son modelos semellantes.

Pero non son o mesmo. Unha cousa é privatizar unha xestión que debería ser pública e que aumenta os gastos do erario público, e outra, moi diferente, un modelo mixto no que os gastos recaian, sobre todo, na parte privada.

Pero tamén che digo que hai promotores culturais que non queren saber nada dese modelo e logo hai outros que non queren que se pague por acceder á cultura. Ás veces un prezo mínimo é o que garante a pervivencia de programación cultural. E isto dáse noutros puntos do Estado, como en Asturias e Euskadi, e é o que fai que sexan viables, insisto.

Eu niso podo concordar, aínda que con diferencias en canto ao modelo. E xunto con isto tamén che quería comentar o da arqueoloxía social que está sendo moi criticada por algúns sectores. Como vedes isto desde Cultura?, cres que hai que potenciar este modelo, obviamente, sempre supervisado por un profesional arqueólogo?

Pois a min paréceme unha iniciativa moi interesante, sobre todo, porque incide na cuestión da sensibilización… Que a xente coñeza os bens e teña unha interacción con ese patrimonio. Pero ten que ser unha arqueoloxía sustentable. Se ese ben ten propietario pois tamén hai que telo en conta, igual que cumprir a Lei de Patrimonio. Pero todo o que sexa difundir o patrimonio e abrilo a sociedade paréceme estupendo.

 

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...