Atopan dous grandes proxectís da Guerra Civil en Ponteareas en menos dun mes
Efectivos do Tedax do Servizo de Desactivación de Artefactos Explosivos da Garda Civil destruiron un proxectil de artillaría da Guerra Civil, que foi localizado por un particular nun garaxe do municipio de Ponteareas (Pontevedra). É o segundo que aparece en menos dun mes.
Segundo informaron fontes do Instituto Armado, o propietario do inmoble comunicou o achado á Garda Civil e activouse o protocolo de desactivación deste tipo de artefactos. Así, efectivos do Tedax presentáronse no lugar onde apareceu o proxectil e procederon a súa neutralización, nunha operación sen incidentes.
Segundo o informe elaborado polos especialistas, trátase dun proxectil de uso militar, dos utilizados durante a Guerra Civil, de 105mm de calibre e 41 centímetros de lonxitude. O artefacto conservaba no seu interior toda a carga e estaba en bo estado de conservación.
O segundo nun mes
Este é o segundo proxectil antigo que aparece en Ponteareas en menos dun mes. A principios de febreiro, a Garda Civil informou da desactivación doutro proxectil, de calibre 203,3 milímetros e case un metro de lonxitude, que foi atopado polo dono dun inmoble cando facía obras no soto da súa vivenda.
Durante o ano 2016, os especialistas en desactivación de explosivos da Garda Civil resolveron 17 incidencias relacionadas coa aparición de artefactos deste tipo, 12 na provincia de Pontevedra, e outro cinco na de Ourense.
Estas actuacións permitiron destruír case 200 artefactos como detonadores pirotécnicos, granadas de man ou de morteiro, bengalas e proxectís de artillaría de diferentes calibres.
En caso de atopar un obxecto sospeitoso de ser explosivo, incendiario ou pirotécnico, a Garda Civil recomenda non tocalo e sinalizalo, chamar ao 062 e facilitar aos expertos a súa localización para que poidan neutralizalo en condicións de seguridade.