fbpx
O asfaltado dunha pista en Dodro provocou danos nun castro / Unión Veciñal de Dodro

A historia do concello que asfaltou un castro e aínda está impune

Tempo de lectura: 4 min.

O castro de Imo é un poboado castrexo da Edade do Ferro. É un sitio arqueolóxico catalogado e, perfectamente, visible. E, aínda así, o Concello de Dodro non tivo reparos en facer unha pista no entorno deste castro que rompeu completamente o conxunto patrimonial.

Foi en maio de 2015, cando o goberno de Dodro acometeu as obras denominadas “Camiño de Castro á estrada de Teaio” que conlevou a destrución de elementos deste castro, así coma a colocación de tubos de formigón e movementos de pedras.

En xullo dese ano, Unidade Veciñal de Dodro fíxolle a pregunta ó goberno se lles constaba que dita obra estaba atravesando un xacemento arqueolóxico e se tiñan permiso da Dirección Xeral de Patrimonio para facelo. O alcalde respondeu, entón, que todo era correcto e legal.

Esta formación solicitou, entón ver o expediente e comprobaron que existía unha prohibición expresa para que a obra pasara polo castro “informándose desfavorablemente á ampliación da sección do camiño proposta” e no mesmo documento “autorizar as obras solicitadas coas condicións que figuran no citado informe, agás as obras de ampliación do camiño entre Castro e Teaio onde as actuacións limitaranse á limpeza e mantemento do camiño”

Imaxes do asfaltado do castro de Imo, en Dodro / Unidade Veciñal de Dodro

Críticas da Valedora

Por iso, en agosto dese ano decidiron denunciar esta agresión ante o Xefe do Servizo de Vixilancia e Inspección do Patrimonio Cultural. Tamén enviaron unha denuncia á Valedora do Pobo. Só contestou a segunda denunciando a “falta de sensibilidade” de concellos no coidado do patrimonio, e tamén a “pasividade” da Xunta, ante os danos causados no asfaltado da pista que pasa por medio do castro.

Pero a Consellería de Cultura segue sen sancionar ao concello e, segundo Unidade Veciña de Dodro, está a retrasar a incoación de expediente sancionador sabendo que o concello incumpriu todos os requirimentos que lles solicitaron. E levan así dous anos. Dase a casualidade que o goberno actual de Dodro, como o da Xunta, é do Partido Popular.

“A última vez que falei por teléfono coa delegación de Coruña había dous meses que lles requeriran nun prazo de quince días un informe arqueolóxico, (outro) e seguen así”, denuncia o impulsor desta denuncia, Xoán Xosé Vicente.

No castro aínda se aprecia algunha estrutura defensiva na parte sur. Na croa ten un círculo de pedras coñecido como “Coroa da Raíña Moura”.

Cronoloxía dos feitos

Pouco antes das eleccións municipais de maio de 2015 o goberno de Dodro acomete ás obras denominadas : “Camiño de Castro á estrada de Teaio” que conleva a destrución de elementos do castro así coma a colocación de tubos de formigón, movementos de pedras etc.

-17/07/2015

No pleno ordinario a Unidade Veciñal de Dodro fíxolle a pregunta ó goberno se lles constaba que dita obra estaba atravesando un xacemento arqueolóxico e se tiñan permiso da Dirección Xeral de Patrimonio.

Ao que o señor alcalde resposta afirmativamente.

-21/07/2015

Solicitamos ver o expediente no que comprobamos que existe prohibición expresa para a obra ó paso polo castro “informándose desfavorablemente á ampliación da sección do camiño proposta” e no mesmo documento “autorizar as obras solicitadas coas condicións que figuran no citado informe, agás as obras de ampliación do camiño entre Castro e Teaio onde as actuacións limitaranse á limpeza e mantemento do camiño

Vista do Castro de Imo, en Dodro / Patrimonio Galego

-11/08/2015

Denuncia ante o Xefe do Servizo de Vixilancia e Inspección do Patrimonio Cultural. (copia)

-18/09/2015

Pregunta escrita no pleno da corporación na que pedimos explicacións sobre o incumprimento da orde da consellería, no que o alcalde desminte todo o anterior e que “o único que di a consellería é que non se aumente a sección da obra , que non se dea mais largo” (sic) (Copia da acta)

-05/02/2016

Ante a falta de información por parte da Consellería de Cultura elevamos unha queixa ante a Valedora do Pobo que dá lugar ó expediente P.3.Q/209/16

-17/02/2016

Valedora do Pobo. Dan por admitida a queixa por entender que reúne os requisitos formais

-28/03/2016

Valedora do Pobo. Informan que a Consellería non lle remite o informe demandado.

-11/05/2016

Valedora do Pobo. Informan que a consellería persiste na súa actitude de non enviar a documentación.

-07/06/2016

Valedora do Pobo. A Consellería remite informe  á Valedora no que di que persoal especialista en arqueoloxía visitou o lugar dos feitos e remite informe de “as obras incumpren  as condicións nas que se outorgou a autorización administrativa”  

Está pendente de valoración técnica as alegacións enviadas polo Concello. Unha vez se valore o alcance das afeccións sobre o castro seguirase o procedemento, ou ben se arquiva o caso ou ben con incoación de expediente sancionador. A Valedora “lamenta a falta de sensibilidade de moitos concellos para preservar o seu patrimonio cultural e a pasividade da administración” (Copia)

-05/09/2016

Remítese á Valedora do Pobo correo electrónico onde se indica:  “que a día de hoxe aínda non recibín contestación por parte da Consellería do procedemento aberto.”

-24/10/2016

Valedora do Pobo. Informa que “transcorridos cinco meses, non consta a resolución do órgano competente. Estas obras teñen producido un dano irreversible ao patrimonio arqueolóxico galego pola destrución, sequera fose parcial, do xacemento”

-29/11/2016

Valedora do Pobo. Informa que a Consellería aínda non remitiu o informe complementario demandado e que “a día de hoxe requirímolo novamente, recordando expresamente que tal envío resulta unha obriga legal”

-13/01/2017

Valedora do Pobo. “A Consellería persiste na súa actitude de non enviar a información requirida, a pesar que a demandamos en dúas ocasións”

-17/01/2016

En conversa telefónica coa Sección de Patrimonio da Delegación da Consellería de Cultura da provincia da Coruña indican que con data 16/11/2016 envían ó Concello unha notificación para que nun prazo de quince días demostren que non hai danos no xacemento mediante un control arqueolóxico.  Non teñen constancia de que o concello fixera nada e van volver notificar antes de incoar expediente sancionador.

Pode que che interese...