fbpx
Famoso carneiro alado da colección Álvaro Gil e que está no Museo Provincial de Lugo

O gran tesouro privado de Lugo volve a ser propiedade dos lucenses

Tempo de lectura: 3 min.

Os lucenses son dende este mércores donos de 36 pezas da famosa colección de Álvaro Gil, a mesma que hai uns anos estivo a piques de desaparecer do Museo provincial de Lugo. Unha colección que será propiedade da deputación na súa totalidade no 2018.

O Presidente deste organismo, Darío Campos Conde, e Carlos López Gil, representante dos herdeiros de Álvaro Gil Varela, asinaron este mércores no Museo Provincial a adquisición por parte do Executivo provincial dun novo lote de 15 pezas da colección de ourivaría castrexa do filántropo lucense. En virtude deste contrato, o Executivo provincial achegará este ano un pagamento de 583.000 euros, que lle permitirá adquirir o cuarto lote do tesouro, de xeito que só restará o pagamento do ano 2018 para completar a adquisición completa da colección.

Con este novo pagamento, outras 15 pezas deste tesouro, catalogado como Ben de Interese Cultural, será propiedade dos lucenses. “Os veciños desta provincia son donos absolutos dun total de 36 pezas desta ilustre colección, que custodia o seu Museo Provincial para o desfrute, gratuíto e sen restricións, de todos”, apuntou Campos.

Pezas adquiridas

As 15 pezas do lote 4 que se adquiriron coa sinatura deste contrato son un fragmento de torques de Valiña, dúas pezas compostas por fragmentos de torques con remate piriforme, torques de Cu do Castro, torques do Castro de Viladonga, fragmento de torques de Centroña, contas de colar de Chaos do Barbanza, brazal e pulseira de Urdiñeira, brazais de Muimenta, barriña de ouro, pulseira da Terra de Melide, pulseira de Ourense, torques de Riotorto e pulseira-torques.

O contrato asinado este mércores cos herdeiros de Álvaro Gil tamén inclúe o aboamento de 23.364 euros polo depósito no Museo Provincial do lote 5 da colección, cuxa compra se formalizará o ano que vén. Este lote 5 componse das seguintes pezas: Torque de Burela, Onza de Fernando VI, láminas áureas de Valiña e barriña de ouro.

Parte da colección Álvaro Gil, no Museo provincial de Lugo / Deputación de Lugo

A colección

A colección de ourivaría antiga Álvaro Gil, que actualmente se exhibe na sala 8 do Museo Provincial, está formada por 40 pezas da época castrexa, entre as que se atopan torques, brazais, arracadas e pulseiras procedentes de diversos Concellos lucenses, así como doutros lugares de Galicia. Inclúe, ademais, emblemáticas xoias como o Torque de Burela, o máis grande atopado en Galicia, e o Carneiro Alado, peza de valiosa execución artística e de incerta procedencia xeográfica. O tesouro goza da consideración de Ben de Interese Cultural (BIC), o que lle outorga a máxima protección patrimonial segundo a lexislación autonómica vixente.

O Goberno da Deputación alcanzou no ano 2014 un acordo cos herdeiros de Álvaro Gil Varela para adquirir a colección completa de ourivaría antiga, en cinco lotes anuais, por un importe de 2,3 millóns de euros.

Lotes

Lote 1, por valor de 6.000 €, composto por 5 pezas: arracadas da Valiña, arracada de Burela, espiral de cabelo fragmentada, arame de ouro 1 e arame de ouro 2.

Lote 2, por valor de 568.500 €, composto por 10 pezas: gargantela de Monte dos Mouros I e gargantela de Monte dos Mouros II, pulseira de Monte dos Mouros, barriña dobrada, fragmento de torques con barriña decorada e remate, torques fragmentado con varilla e remate decorados, torques Áureo da Recadieira I, torques de Melide, fragmento de torques da Valiña 1 e fragmento de torques con remate piriforme 1.

Lote 3, por valor 568.500 €, composto por 6 pezas: torques áureo de Recadieira II, torques de prata da Recadieria, torques con retames en dobre escocia, torques de Viveiro, Carneiro Alado, fragmento de cravo de ouro.

Lote 4, por valor de 583.000 €, composto por 15 pezas: fragmento de torques da Valiña II, fragmento de torques con remate piriforme II, fragmento de torques con remate piriforme III, torques de Cu do Castro, torques do Castro de Viladonga I, fragmento de torques de Centroña, contas de colar de Chaos do Barbanza, brazal de Urdiñeira, pulseira de Urdiñeira, brazais de Moimenta, barriña de ouro, pulseira da Terra de Melide, pulseira de Ourense, torques de Riotorto e pulseira-torque.

Lote 5, por valor de 584.100 € e que se subscribirá no 2018, composto por 4 pezas: toques de Burela, onza de Fernando VI, láminas áureas de Valiña, e barriña de ouro.

Pode que che interese...